+034 986 09 02 04 Xoves 21 de Marzo de 2019

O CONCELLO FELICITA A MANUEL ARMADA, CAMPIÓN GALEGO DE CICLOCROSS EN MÁSTER 40, NUNHA RECEPCIÓN OFICIAL


Este ciclista, da parroquia de Borela, impúxose o pasado 30 de decembro na proba autonómica celebrada en Campañó

O Concello de Cerdedo-Cotobade vén de ofrecer unha pequena recepción ao ciclista cotobadés Manuel Armada Fentanes para felicitalo pola recente consecución do Campionato Galego de Ciclocross na categoría Máster 40. Por este motivo, o presidente municipal, Jorge Cubela, e o concelleiro de Deportes, Bruno Portela, recibiron ao deportista no consistorio e trasladáronlle o orgullo do municipio pola súa longa traxectoria e polo gran éxito obtido a nivel autonómico.

Cómpre sinalar que Manuel Armada, da parroquia de Borela, proclamouse campión galego desta modalidade ciclista na proba celebrada o pasado 30 de decembro na parroquia pontevedresa de Campañó. Este trunfo aseguroulle a súa clasificación para o Campionato de España, que se celebra mañá, 12 de xaneiro, na Illa das Esculturas da cidade do Lérez.

Cubela e Portela destacaron “a súa longa, dilatada e exitosa traxectoria no mundo do ciclismo”, que se centrou nos últimos anos no eido do Ciclocross, “onde é un auténtico referente e un orgullo para todo o Concello de Cerdedo-Cotobade”.

“Para min é un motivo de ledicia recibir a Manuel para felicitalo e para desexarlle moita sorte e todo o noso apoio para o Campionato de España, xa que ademais dun deportista exemplar, dos moitos que afortunadamente temos neste municipio, tamén é un gran amigo e unha persoa incrible”, detallou Cubela.

Finalmente, o presidente municipal anunciou que, dado que a recepción foi un pouco ás presas para desexarlle tamén sorte para a proba nacional de mañá, está previsto que se faga un acto de recoñecemento máis formal en vindeiras semanas, de xeito similar ao brindado hai poucas datas ao piloto Juan Campos no colexio de Cerdedo polo seu trunfo no Nacional de Resistencia.

Deja un comentario