+034 986 09 02 04 Luns 17 de Xuño de 2019

OS ALUMNOS DA UNIVERSIDADE DE VIGO PODERÁN PARTICIPAR UN ANO MÁIS NO PROGRAMA CORRESPONDENTES UNIVERSITARIOS


Esta iniciativa favorecerá a participación dos estudantes na difusión de información xuvenil do seu interese nos campus de Vigo, Pontevedra e Ourense

A Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, vén de lanzar unha nova convocatoria para o curso 2018/19 de correspondentes universitarios. Este programa favorecerá a participación dos estudantes da Universidade de Vigo na difusión da información xuvenil do seu interese nos diferentes campus de Vigo, Pontevedra e Ourense.

Os correspondentes universitarios terán a misión de difundir entre o alumnado os programas, iniciativas, recursos e oportunidades para a mocidade que promova a Dirección Xeral de Xuventude e xestionar regularmente un taboleiro informativo no centro asignado. A cambio, a Administración autonómica expedirá un certificado de educación non formal en materia de xuventude validado con ata 6 créditos ECTS (coa correspondencia de 30 horas por cada ECTS). O certificado non só recoñece as horas dedicadas a esta actividade voluntaria, senón tamén as competencias, habilidades e destrezas adquiridas durante esta experiencia.

Igualmente, os participantes recibirán de xeito gratuíto o carné xove, carné de alberguista e carné de estudante internacional (ISIC), e poderán participar nun fin de semana de convivencia no mes de xuño onde se realizarán actividades de ocio educativo xunto cos correspondentes das outras universidades.

Cómpre sinalar que esta iniciativa xa vai pola súa terceira edición e neste tempo contou coa implicación de máis de 150 mozas e mozos galegos. Para esta nova convocatoria aquelas persoas interesadas que estean matriculados na Universidade de Vigo poderán inscribirse e atopar máis información na páxina web de Xuventude. O prazo está aberto ata o vindeiro 22 de xaneiro.

Deja un comentario