+034 986 09 02 04 Luns 17 de Xuño de 2019

A ALCALDÍA DE MONDARIZ AGRADECE Á XUNTA “A RÁPIDA RESPOSTA” ÁS XESTIÓNS REALIZADAS POLO CONCELLO EN MATERIA DE SEGURIDADE VIARIA


O alcalde de Mondariz, Xoán Carlos Montes Bugarín, agradeceu hoxe á Xunta de Galicia que dera cumprida resposta ás demandas realizadas polo Concello en materia de seguridade viaria para o municipio.
O rexedor local acompañou o xoves ao delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, na visita que este realizou ao municipio para dar a coñecer as actuacións que, en materia de seguridade viaria, desenvolverá a administración autonómica no municipio.
Montes Bugarín, lembrou que en datas pasadas mantivo reunións co xefe territorial de infraestruturas, José Luis Díez, para darlle a coñecer as demandas do Concello de Mondariz en materia de Seguridade Viaria “é e de agradecer que contesten de xeito rápido”, sinalou o alcalde.
As actuacións que se desenvolverán incluirán as estradas que, dende Mondariz, saen cara a Covelo, Vilasobroso e Mondariz Balneario. Xoán Carlos Montes Bugarín amosou a súa satisfacción polo anuncio realizado por Cores Tourís de que “neste mesmo mes redactarase o proxecto de mellora da estrada que vai cara a Moscoso” que, subliñou, “permitirá dar solución a un punto complicado en materia de seguridade viaria, como é o acceso a praia fluvial do Val” unha obra que o Concello de Mondariz viña demandando dende comezo de lexislatura e que contaba co apoio plenario de todos os grupos da Corporación.
Xoán Carlos Montes Bugarín aproveitou a visita de José Manuel Cores Tourís a Mondariz, para facerlle chegar á Xunta a necesidade “urxente” de acometer obras de mellora de seguridade viaria na estrada de Mondariz-Lougares, no barrio do Ceo, unha zona “que ten un grande tránsito tanto de vehículos como de peóns coa perigosidade que iso supón”.
En todo caso, remataba o alcalde de Mondariz, “agradecemos á Xunta de Galicia a rapidez en atender as lexítimas demandas dos veciños e veciñas de Mondariz.

Deja un comentario