+034 986 09 02 04 Venres 06 de Decembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A RÚA CONCEPCIÓN ARENAL DE A GUARDA DEIXA VER A SÚA NOVA IMAXE


O deputado de Mobilidade Uxío Benítez explica que xa comezou a colocación do novo pavimento e que xa están separadas as redes de pluviais e fecais, polo que a depuradora quedará liberada das augas de choiva

A nova imaxe da rúa Concepción Arenal de A Guarda comeza xa a saír á luz. No día de hoxe o departamento de Mobilidade da Deputación comezou a instalar o novo pavimento da superficie peonil, formada por lousas de ecogranit de cor pardo e aceiro cortén. Nos vindeiros días comezarase tamén a colocación das tiras de granito, o que permitirá ver de xeito definitivo a apariencia final da rúa, da praza de Avelino Vicente e da contorna do convento de San Bieito.

Así mesmo, segundo explica o deputado Uxío Benítez, xa finalizou a instalación da nova tubaxe de augas pluviais da que carecía a rúa. Agora, en lugar de mesturar estas coas fecais para o seu posterior traslado á depuradora, as canalizacións están separadas polo que a chuvia verterá directamente ao mar. A depuradora, así, evitará ter que facer o tratamento dun grande volume de líquido que non precisaba de ningún proceso de mellora e, polo tanto, o Concello notará un aforro no funcionamento.

As obras de reforma integral da rúa Concepción Arenal (EP-3401 de acceso ao porto) comezaron o pasado mes de setembro de mans da empresa ‘Obras, Reformas e Saneamentos SL’ e segundo as previsións rematarán na primavera, logo de rematar a terceira fase, centrada na zona do convento de San Bieito. Quedará para o último mes a colocación de todo o mobiliario urbano (bancos, papeleiras, pérgolas, bancos corridos de cemento), e tamén a plantación de árbores e acondicionamento das zonas verdes. A titularidade da rúa pasará da Deputación ao Concello unha vez rematada a obra.

Coa actuación búscase recuperar o espazo público para veciñas e veciños deixando claro que a circulación peonil é a principal na estrada pero convivindo tamén co tráfico rodado. Agárdase, de feito, que a Xunta de Galicia se implique no novo acceso ao Porto para que a nova rúa poida acadar todo o seu aproveitamento sen o tráfico pesado, deixando a zona como un espazo de convivencia veciñal.

Deja un comentario