+034 986 09 02 04 Xoves 02 de Abril de 2020
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

OS ESCOLARES DO CEIP ROSALÍA DE CASTRO DE VILAGARCÍA, A VOLTAS COA COMPOSTAXE


O alumnado de Primaria do centro plurilingüe realiza esta semana charlas e xogos para aprender sobre os residuos orgánicos e porá en marcha un composteiro no centro escolar

Que se pode botar no composteiro? Como vai cambiando o lixo orgánico ata converterse nun fertilizante? En canto tempo se produce o compost? Todas estas cuestións e moitas outras están a ser aprendidas polos escolares de Primaria do CEIP Rosalía de Castro de Vilagarcía grazas ás charlas, xogos e obradoiros que a Deputación está a desenvolver no centro educativo ao abeiro do Plan Revitaliza.

Persoal de educación ambiental do CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia), co que a Deputación ten un convenio de colaboración, está a traballar no colexio esta semana explicando ao alumnado todos os ‘segredos’ da compostaxe. As actividades comezaron o pasado luns coas charlas lúdicas destinadas aos máis maiores (dos cursos de 4º, 5º e 6º), para continuar despois cos máis pequenos.

Os rapaces e rapazas de 1º e 2º participaron no xa famoso ‘Xogo da miñoca’ cun taboleiro xigante por equipos sentados no chan, onde os escolares resolven preguntas sobre como acadar un bo compost. Para os cursos máis adiantados dirixiuse a charla ‘A voltas coa compostaxe’, un achegamento ao tema do lixo doméstico (tipoloxía, volume, precaucións) e a súa xestión e tratamento, facendo fincapé no proceso de compostaxe dos restos de comida e vexetais.

A finais de semana, logo de xa ter incorporado todos os coñecementos básicos sobre como se debe tratar de maneira sustentable os residuos orgánicos, as e os pequenos porán en marcha un composteiro para o centro educativo, onde poderán depositar os restos das merendas e outras comidas.

A Deputación de Pontevedra realiza estas actividades nos colexios e institutos da provincia co obxectivo de concienciar tanto á comunidade docente como ao alumnado da problemática dos residuos, acadar un cambio de actitudes e responsabilidade na separación do lixo orgánico doméstico, obter un compromiso persoal ante a redución dese lixo e co uso dos composteiros, e informar sobre a importancia da compostaxe como alternativa necesaria, ao ser máis económica e ecolóxica que os tratamentos actuais.

O goberno provincial considera que formación ambiental sobre compostaxe nos centros de ensino é fundamental para acadar a necesaria implicación nun cambio de hábitos por parte da poboación. Hai que lembrar que a normativa europea e a estatal obrigarán antes do 31 de decembro do 2020 a preparar para reciclar o 50% da bolsa do lixo (algo que non se pode facer sen ter en conta os orgánicos), e ademais a recoller de xeito separado e tratar de forma sustentable o 100% dos biorresiduos.

No Concello de Vilagarcía a Deputación ten xa instalados varios centros de compostaxe comunitaria e hai en previsión instalar outros novos, para o que se están a realizar charlas informativas coa veciñanza.

Deja un comentario