+034 986 09 02 04 Sábado 08 de Agosto de 2020

OS COMUNEIROS DE CUÑAS ACEPTAN A OFERTA DO CONCELLO PARA CONSTRUÍR UN GRAN APARCAMENTO MUNICIPAL


A propiedade será adquirida por 49.000 euros e acondicionada para dotar a Ponte Caldelas de 300 céntricas prazas de estacionamento

A oferta do Concello de Ponte Caldelas á Comunidade de Montes de Cuñas para adquirir unha parcela de máis de 3.000 metros cadrados, situada a carón da rúa Valdarrosa (subida ao instituto), destinada a acoller un gran aparcamento municipal gratuíto, foi aceptada pola asemblea dos comuneiros.
A finca, cualificada como solo dotacional, polo que carece de valor residencial, será destinada á construción dunha céntrica bolsa de aparcamento con capacidade para uns 300 vehículos a apenas 300 metros da praza de España.
O Goberno local (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) achegará un prezo 49.000 euros para adquisición da finca, que se realizará polo procedemento de expropiación a prezo pactado. O equipo municipal formalizará o trámite o próximo mes, utilizando o remanente despois de liquidar o Orzamento municipal de 2018, aínda en vigor.
O Concello urbanizará a propiedade e os seus accesos, dotándoa dun muro para nivelar o terreo a dous niveles, incluíndo iluminación e elementos ornamentais. A parcela será dedicada integramente a aparcamento. Unha vez conseguida a reapertura do tanatorio caldelán, hai agora tres meses, xa non se considera necesario impulsar a construción dunha nova instalación nunha parte destes terreos, tal e como se tiña barallado inicialmente.
A creación dunhas 300 novas prazas de aparcamento no camiño da Valdarrosa, xunto con outras 200 cando se reforme a avenida de Vigo (rúa do Balneario), suporá un gran avance na mobilidade rodada en Ponte Caldelas, reforzando notablemente a oferta de estacionamento. O Concello cumpre tamén así cos compromisos alcanzados cos comerciantes locais.
Un avance que se completa con outros fitos en marcha que completan o “modelo Ponte Caldelas”, como son a remodelación da praza de España ou o proxecto para a reconversión do antigo Balneario nunha moderna estación termal, en sintonía cos novos e máis exitosos modelos de negocio neste eido.

Deja un comentario