+034 986 09 02 04 Martes 19 de Novembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

O ALUMNADO DO CEIP ROSALÍA DE CASTRO DE CARRIL PON EN MARCHA O SEU PROPIO COMPOSTEIRO


Máis de 300 escolares finalizaron hoxe os obradoiros organizados pola Deputación ao abeiro do Plan Revitaliza

Os máis de 300 escolares de entre primeiro e sexto cursos de Primaria do CEIP Rosalía de Castro de Vilagarcía pecharon hoxe a súa participación nas charlas, xogos e obradoiros sobre compostaxe que a Deputación está a desenvolver no centro educativo ao abeiro do Plan Revitaliza. O alumnado participou na posta en marcha do seu propio composteiro no patio do centro escolar –actividade prevista para o pasado venres pero que foi necesario adiar pola chuvia- seguindo todos os pasos ao igual que se tratase do composteiro individual dunha casa con horta.

Deste xeito, o persoal responsable do CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia) explicou que para obter un bo compost é preciso mesturar variedade de materiais orgánicos: frescos e húmidos (restos de comida ou céspede) con materiais secos (pólas, follas secas…) que funcionan como estruturante.

Os rapaces aprenderon que en primeiro lugar é preciso poñer unha base ou cama de material de tipo leñoso e seco duns 20 centímetros de alto no fondo do composteiro para facilitar a aireación e a entrada de microorganismos. A continuación foron introducindo os restos de comidas e vexetais en función das necesidades, sabendo que cada vez que se aporta material fresco débese engadir tamén a mesma cantidade de material seco para manter a humidade e permitir a circulación de aire no composteiro. Tamén aprenderon que é preciso remexer o material e comprobar a súa temperatura.

A realización de actividades e a posta en marcha de composteiros nos centros de ensino da provincia está enmarcada no proxecto que a Deputación de Pontevedra está a desenvolver da man do CEIDA ao abeiro do Plan Revitaliza co obxectivo de concienciar tanto á comunidade docente como ao alumnado da problemática dos residuos, acadar un cambio de actitudes e responsabilidade na separación do lixo orgánico doméstico, obter un compromiso persoal ante a redución dese lixo e co uso dos composteiros, e informar sobre a importancia da compostaxe como alternativa necesaria, ao ser máis económica e ecolóxica que os tratamentos actuais. No Concello de Vilagarcía a Deputación ten xa instalados varios centros de compostaxe comunitaria e hai en previsión instalar outros novos, para o que se están a realizar charlas informativas coa veciñanza.

Deja un comentario