+034 986 09 02 04 Domingo 20 de Setembro de 2020

MORAÑA AFRONTA A FASE FINAL DO ORZAMENTO 2019, QUE ESTARÁ CENTRADO NO EMPREGO, OS SERVIZOS SOCIAIS E OS INVESTIMENTOS


A previsión de contas, que se aprobará no vindeiro mes de febreiro, vén determinada pola conxelación de impostos decidida polo goberno local

 

O goberno local e os técnicos municipais de Moraña están preto de rematar coa elaboración do Orzamento Municipal 2019, que estará centrado principalmente nas políticas de emprego e de impulso industrial, na potenciación dos Servizos Sociais e nos investimentos e mellora das infraestruturas, segundo adiantou a alcaldesa, Luisa Piñeiro, que engadiu que, coas liñas estratéxicas xa marcadas polo executivo e o traballo moi avanzado, agarda que estea listo nun prazo moi curto.

A rexedora local sinalou que, a falla de que os técnicos detallen as cifras, as iniciativas para favorecer a xeración de emprego e riqueza “terán moito peso nas contas deste ano, xa que sabemos que é a principal preocupación dos morañeses e da sociedade en xeral e queremos seguir na mesma liña que no resto da lexislatura, na que o paro baixou en case un 41% no noso municipio”.

“Xa dixen que reducir 200 persoas da lista do Inem foi o mellor deste mandato pero somos moi esixentes e imos traballar para que todo o mundo teña a súa oportunidade laboral en Moraña”, apostillou, antes de destacar que o concello está adherido ao Doing Bussines Galicia e que as medidas artelladas en torno ao mesmo “favorecen a chegada de empresas, como demostra que seguimos recibindo o interese de varias por asentarse no noso territorio”.

Xa no eido dos Servizos Sociais, outra área considerada prioritaria para o goberno local, Luisa Piñeiro explicou que no pasado exercicio a partida deste departamento aumentouse nun 30% ata roldar os 250.000 euros e acadar unha importancia do 12% no Orzamento 2018. Neste senso, engadiu que o seu peso nas contas de 2019 será similar ou lixeiramente superior e que se farán esforzos para prestar máis horas do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que é a principal asistencia desta área.

A alcaldesa tamén explicou que os investimentos e os servizos públicos serán o
terceiro eixo estratéxico das contas de 2019 “co obxectivo de tentar seguir a liña

 

marcada no pasado exercicio, no que acadamos un récord histórico de obras en infraestruturas con case 2,8 millóns de euros”. Ademais, lembrou que o vindeiro orzamento vai manter novamente conxelados todos os impostos municipais por decisión de goberno local “para non cargar os petos dos veciños e permitir que teñan a maior capacidade adquisitiva”.

“Van ser unhas contas de moito contido social, que estarán moi centradas nos veciños e nos servizos públicos e que se caracterizarán pola máxima contención de gasto nas áreas que non son estratéxicas para mellorar a calidade de vida dos morañeses”, concluiu Piñeiro, que detallou que a previsión de contas se aprobará nun pleno a celebrar no mes de febreiro.

Deja un comentario