+034 986 09 02 04 Sábado 29 de Febreiro de 2020
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

AS OBRAS DA ESTRADA DE DORRÓN COMEZAN ESTE LUNS


O deputado Uxío Benítez sinala que os primeiros traballos serán a canalización e soterrado das liñas de telefonía e alumeado

As obras de mellora da estrada provincial de Dorrón (EP-9213) no concello de Sanxenxo comezarán este luns. Así o confirmou hoxe o deputado Uxío Benítez, quen explicou que nos últimos días finalizáronse os trámites administrativos que restaban (a sinatura do contrato), replantexouse o proxecto marcando na propia estrada os bordes das beirarrúas que faltan por construír, e colocouse o cartel oficial da actuación.

A empresa que realizará os traballos será Narom SL por un orzamento de 245.208 euros. Segundo indica Benítez, a obra rematará coa situación precaria da estrada que a veciñanza da zona leva tempo criticando: remataranse as beirarrúas creando un itinerario peonil continuo entre a PO-308 e o CEIP Magaláns, canalizaranse os servizos de forma soterrada, e retiraranse os postes de telefonía e alumeado que están no medio da calzada.

O obxectivo é que as obras solucionen os problemas do proxecto herdado do anterior goberno provincial, que adxudicara e executara a obra sen ter todos os terreos necesarios dispoñibles, polo que as tubaxes quedaron discontinuas e, por tanto, sen conexión.

Agora, xa conseguidas as últimas cesións, a Deputación completará os treitos que restan por construír instalando as tubaxes para que Fenosa e Telefónica poidan baixar os cables aéreos e retirar os postes. De forma paralela, construiranse os treitos de beirarrúas que faltan no inicio da estrada pola marxe dereita e logo pola marxe esquerda. Logo tocará a quenda de realizar as cunetas de formigón na marxe dereita da estrada, así como o reasfaltado da totalidade da estrada, creando unha zona de convivencia nunha zona de paso estreita pavimentada en aglomerado en cor vermella. Finalmente, colocaranse 28 luminarias led de 9 metros de alto, barreiras de seguridade metálicas e varandas, así como a horizontal e vertical da totalidade da zona de actuación.

Deja un comentario