+034 986 09 02 04 Xoves 14 de Novembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

CARMELA SILVA VISITA EN FORNELOS AS OBRAS DO NOVO XIMNASIO E PISTA DE PADEL, “EQUIPAMENTOS DO SÉCULO XXI PARA LOITAR CONTRA O DESPOBOAMENTO”


A Deputación financia o 100% das obras a través dos plans de Reequilibrio e Concellos que converterán á vila “nun modelo de xestión dos equipamentos deportivos”

Silva tamén anunciou o seu compromiso para mellorar a cuberta do pavillón e redactar o proxecto para acondicionar a ponte romana da vila

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o alcalde de Fornelos de Montes, Emiliano Lage, visitaron esta mañá as obras de urbanización, ximnasio e pista de padel financiadas ao 100% polo goberno provincial. Xunto á presidenta e ao alcalde participaron o deputado provincial Santos Héctor Rodríguez, concelleiras e concelleiros do goberno local e o arquitecto técnico redactor do proxecto, Miguel Ángel Marquina.

As obras visitadas constitúen unha das actuacións máis demandadas pola cidadanía de Fornelos de Montes. En concreto, vanse executar dúas novas instalacións deportivas, un ximnasio e unha pista de pádel, así como a urbanización e accesibilidade da contorna. A actuación ascende a 686.731,68€ dos que a Deputación achega 549.385,34 euros a través do Plan de Reequilibrio, e o Concello 137.347,34 € que son financiados con cargo ao Plan Concellos da institución provincial.

Carmela Silva enxalzou a aposta do goberno local de Fornelos por impulsar esta actuación “do século XXI”. A presidenta reflexionou sobre a necesidade de dotar ás vilas de equipamentos e servizos xa que “vivimos unha situación preocupante, descende a poboación e temos un problema serio demográfico. Se queremos que a xente se quede no territorio teremos que dotalo de servizos. Por iso hoxe é un día feliz, porque Fornelos está a destinar recursos para dotar de servizos deportivos á vila, cun ximnasio e pista de padel que nuns meses van ser realidade”.

Sobre o proxecto, a presidenta destacou que era unha actuación “largamente demandada” polo alcalde de Fornelos e que vai converter ao concello “nun modelo de xestión dos equipamentos”. Silva referiuse á centralización das infraestruturas deportivas na mesma área, “facilitando o mantemento dos servizos e que a xente teña garantidas, nun mesmo espazo, aquelas cuestións que teñen que ver co deporte e a saúde”. Precisamente por este motivo, e trala petición do alcalde de Fornelos de Montes, a presidenta provincial amosou a súa vontade para mellorar a cuberta do pavillón da vila. Do mesmo xeito, Silva comprometeuse a redactar o proxecto para acondicionar a ponte romana que une a Fornelos co concello da Lama , asegurando que “este elemento do patrimonio histórico ten que volver a ser unha sinal de identidade da vila”.

Pola súa banda o alcalde de Fornelos de Montes, Emiliano Lage, agradeceu á Deputación “todo o que ten feito polo concello, xa que nunca a Deputación investira tantos recursos en Fornelos como nesta lexislatura. Todo o equipo de goberno e mesmo a oposición estamos moi agradecidos e agradecidas”. Sobre a obra visitada, Lage destacou a aposta pola centralización “para facilitar a xestión e abaratar os custes de mantemento”.

As obras de urbanización, ximnasio e pista de padel estanse a desenvolver nas inmediacións do pavillón e piscinas municipais xa existentes. A entrada ao ximnasio disporase enfrontada á entrada aos vestiarios do pavillón , e xunto ao ximnasio instalarase a pista de padel, que estará cuberta para poder facer uso da mesma durante todo o ano. Entre ambas edificacións quedará un corredor, cuberto de xeito parcial para facilitar a entrada aos espazos deportivos. Xunto ás instalacións deportivas, a actuación tamén contempla melloras na mobilidade, humanización e accesibilidade ao recinto. Así, na entrada á piscina deseñarase unha plataforma cuberta, instalaranse beirarrúas, puntos de luz e plantaranse camelias en todo o ámbito da urbanización.

Máis de 3,3 millóns de euros na lexislatura
Estas obras de urbanización e posta en marcha do ximnasio e pista de padel, son unha das grandes actuacións da Deputación de Pontevedra no concello de Fornelos de Montes, pero no que vai de lexislatura o goberno provincial leva investido no municipio máis de 3,3 millóns de euros nas distintas accións de todas as áreas de Goberno. Co vixente Plan Concellos 2019, a Deputación pon a disposición de Fornelos de Montes case 400.000 euros, o que supón un 3,1% máis que no exercicio anterior.

Amais, no marco do Plan DepoRemse, o concello de Fornelos de Montes recibiu 449.989 euros para financiar a remodelación e dotación da Praza da Igrexa e rúas das Escolas, cun orzamento global de 499.987,79 euros. Esta actuación tamén está a ser financiada ao 100% pola Deputación de Pontevedra xa que o importe restante, 49.998,78 euros, serán achegados a través do Plan Concellos 2019.

No que vai de mandato, a través da Liña 1 do Plan Concellos, Fornelos de Montes puido financiar un total de 18 actuacións por valor de 785.504,22 euros. Ao abeiro da liña 3 de emprego, este municipio puido contratar a 44 traballadoras e traballadores municipais, cun investimento total de 231.153,45 euros. A esta cifra hai que sumar outras dez contratacións, aprobadas para este ano cunha achega de 86.404,95 euros, que desenvolverán tarefas de limpeza, asfalto e construción.

Deja un comentario