+034 986 09 02 04 Venres 22 de Novembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

CARMELA SILVA E O ALCALDE DE COVELO POÑEN EN VALOR A IMPLICACIÓN DA VECIÑANZA NA RECUPERACIÓN DO ESPAZO PÚBLICO EN BARCIADEMERA


A presidenta visitou o esperadísimo proxecto que a Deputación financia ao 100% e destacou a capacidade da actuación “para transformar o espazo público e recuperar o patrimonio”

 

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o alcalde de Covelo, Juan Pablo Castillo, xunto ao deputado provincial Santos Héctor, concelleiras e concelleiros do goberno local e a arquitecta, Arancha Paz, visitaron as obras do esperado proxecto de mellora da accesibilidade e humanización da Praza de Barciademera, que está a ser financiado ao 100% pola Deputación de Pontevedra. Nun clima de cordialidade e amabilidade, a presidenta asinou no libro de honra do Concello, onde amosou a vontade de “seguir construíndo xuntas e xuntos para garantir o futuro de Covelo”.

As obras visitadas constitúen unha das actuacións máis demandadas pola cidadanía de Covelo, que se implicou activamente no proxecto achegando ideas e incorporando suxestións. En concreto, a través destas obras vaise mellorar a accesibilidade e humanizar a Praza de Barciademera, no núcleo do mesmo nome, considerado de alto valor histórico-arquitectónico. A actuación ascende a 359.258,94 euros dos que a Deputación achega 287.407,14€ a través do Plan de Reequilibrio, e o Concello 71.851,8 euros, que son financiados con cargo ao Plan Concellos 2018 da institución provincial.

A presidenta da Deputación felicitou ao goberno local de Covelo por conseguir consensuar coa veciñanza a reforma da Praza de Barciademera. Así, Carmela Silva enxalzou a capacidade do proxecto para recuperar e poñer en valor o patrimonio da vila e a implicación da veciñanza, “porque as e os gobernantes do século XXI temos que contar coa xente, escoitala e incorporar as súas achegas para transformar os espazos públicos”.

Tamén felicitou Silva á arquitecta pola súa capacidade para recuperar o espazo para a veciñanza. “Durante demasiado tempo estivemos moi preocupadas e preocupados de que houbera sitio para os coches e expulsamos á xente do espazo que era para ela. Este proxecto recupera a praza para as veciñas e veciños, converte ao espazo nun verdadeiro salón ao aire libre”, asegurou.

Pola súa banda, o alcalde de Covelo, Juan Pablo Castillo, fixo fincapé na implicación da veciñanza na elaboración do proxecto, “que aportaron ideas e suxestións para poder sacar adiante a actuación”. Amais, Castillo agradeceu o apoio da Deputación de Pontevedra xa que “sen a vosa axuda sería imposible facer realidade a reforma da praza de Barciademera”.

O proxecto que se está a executar en Covelo ten por obxectivos revitalizar o núcleo de Barciademera, multiplicando as oportunidades de ocio, eventos e desfrute do espazo público. Deste xeito, o proxecto contempla eliminar as barreiras arquitectónicas e crear un espazo continuo en catro áreas: unha pequena triangular onde se sitúan a fonte da praza e a parada de autobús, un gran espazo multifuncional, un parque infantil e o viario de acceso con espazos multifuncionais. Nestas catro áreas a pedra actuará como elemento integrador.

Máis de 3,5 millóns de euros na lexislatura
Esta obra de mellora da accesibilidade e humanización da Praza de Barciademera é unha das grandes actuacións da Deputación de Pontevedra en Covelo, pero no que vai de lexislatura o goberno provincial leva investido no municipio máis de 3,5 millóns de euros nas distintas accións de todas as áreas de goberno. Co vixente Plan Concellos 2019, a Deputación pon a disposición de Covelo máis de 465.000 euros, o que supón un 3,21% máis que en 2018.

No que vai de mandato, a través da Liña 1 do Plan Concellos, Covelo puido financiar un total de 20 obras por valor de máis dun millón de euros. Ao abeiro da liña 3, de emprego, este municipio puido contratar a 62 traballadoras e traballadores. En concreto, este ano, no marco desta mesma liña, A Deputación destina a Covelo 102.125,99 euros para que a vila contrate a 17 traballadores e traballadoras para desenvolver tarefas de limpeza, condución, traballos forestais, albanelería, carpintería, mecánica e socorrismo.

Deja un comentario