+034 986 09 02 04 Luns 11 de Novembro de 2019

O CONCELLO REMATA A HUMANIZACIÓN DA PRAZA E O ACONDICIONAMENTO DO ACCESO Á IGREXA DE COSOIRADO


Mellorouse a pavimentación con formigón lavado, áridos e lousas para o itinerario de entrada e protexéronse os elementos patrimoniais

O Concello de Moraña vén de rematar o proxecto de posta en valor integral e humanización, cun acceso de lousas de pedra, da Praza da Igrexa parroquial de Santa María de Cosoirado, cuxo resultado final foi visitado na mañá de hoxe pola alcaldesa e o tenente de alcalde, Luisa Piñeiro e José Cela.
Esta actuación, que contou cun orzamento de 20.000 euros e foi executada por unha empresa local, estaba concibida para embelecer esta contorna e dotar de máis seguridade ao irregular acceso ao templo, polo que se centrou na mellora da pavimentación, respectando o valor patrimonial da zona, con tres tipoloxías de
materiais segundo cada espazo.
Así, dotouse de formigón lavado con xuntas heteroxéneas a unha superficie duns 165 metros cadrados que comprende desde o cruceiro ata a entrada da igrexa e que respecta o afloramento rochoso e a banda de protección dos muros de pedra existentes.
Ademais, pavimentouse con áridos un espazo duns 35 metros cadrados correspondente coa contorna máis cercana ao cruceiro e a obra completouse cun sendeiro formado por pezas rectangulares de granito intercaladas co pavimento de formigón que serven para configurar e marcar o itinerario peonil. O proxecto tamén contemplou a adopción de medidas de protección para os elementos patrimoniais, como a instalación dunha banda de áridos contida nun bordiño de granito xunto ao cruceiro e unha pequena plantación preto dos muros de pedra.
Tras rematar esta humanización, a posta en valor desta zona completarase coa dotación de mobiliario urbano, con dous bancos de madeira, e outros elementos embelecedores.
Tras a visita, Luisa Piñeiro amosou a súa satisfacción polo “bo resultado” deste investimento de mellora patrimonial e anunciou que Cosoirado beneficiarase en  próximas datas doutra reforma similar coa humanización dunha eira que presenta forma de praza e que se atopa nas inmediacións do conxunto da igrexa parroquial, mellorando deste xeito toda a súa zona central.

Deja un comentario