+034 986 09 02 04 Martes 20 de Agosto de 2019

FITUR ACOLLE A PRESENTACIÓN DA LIX FESTA DA LAMPREA DE ARBO E O XEODESTINO CONDADO PARADANTA


O alcalde de Arbo, Horacio Gil, interveu durante a presentación do Xeodestino Condado Paradanta, a unión entre municipios da zona que poñerá en valor as singularidades dunha área na que Arbo destaca grazas a súa bela paisaxe bañada polo Miño, o seu bo viño e a lamprea.

“Recomendar Galicia, os pobos da Ruta da Lamprea e o Xeodestino Condado Paradanta e tamén Arbo non é recomendar unha viaxe máis. É recomendar unha viaxe ao reecuentro con sensacións inesquecibles que pasan por atoparse a un mesmo e as súas orixes, reflexionar e gozar”, así comezou Horacio Gil, alcalde de Arbo, o seu discurso no marco da presentación do Xeodestino Condado Paradanta na caseta de Turgalicia na feira.
Unha presentación na que Gil destacou a importancia da unión entre dez municipios da zona que distribúe geograficamente os recursos e a oferta turística para optimizar a súa posta en valor en base ás singularidades dos territorios, recoñecendo as áreas máis consolidadas e promocionando as menos desenvoltas cara a comercializalas e facelas máis accesibles. O obxectivo deste acordo é situar a esta comarca como enclave turístico de referencia.

O alcalde realizou un percorrido polas diferentes festas de interese turístico nacional que ten o novo xeodestino, como son a procesión do Corpus en Ponteareas ou as afamadas romarías da Virxe da Franqueira da Cañiza. Ou no plano gastronómico a festa do Requeixo e o Mel de As neves, a do Churrasco de Covelo ou a festa do Veu Condado de Salvaterra do Miño.

Na presentación tamén gozou de gran protagonismo a LIX Festa da Lamprea de Arbo, que celebra xa a súa 58 edición. Gil convidou os asistentes a visitar Arbo os días 26, 27 e 28 de abril para gozar de “unha oportunidade única para descubrir en todo o seu esplendor a lamprea, Arbo, os seus costumes e as súas xentes. Os seus cociñeiros e cociñeiras son creadores da receita que pasou de xeración en xeración ao longo da historia”. Engadiu tamén o rexedor a posibilidade de gozar da lamprea fóra de tempada “partir da lamprea seca ofrecemos outras elaboracións. Por exemplo, rechea, guisada con fideos e tirabeques, frita, asada á brasa, en empanada… Unha forma de facer turismo que fará que quen veña a vernos sentan como na casa, porque Arbo é como unha gran familia, onde ao que chega, sexa a unha mesa dun restaurante ou a un dos nosos aloxamentos, trátaselle como uno máis, con proximidade, agarimo e hospitalidade”.
El éxito desta gran cita reflíctese cando “miles de persoas abarrotan cada ano os restaurantes da vila e os puntos de degustación situados no recinto ‘ Arbomostra’, onde se presentan racións de lamprea preparada de distintas formas xunto aos adegueiros do municipio que ofrecen os seus mellores viños”. Durante o relatorio mostrouse tamén o cartel anunciador deste ano e incidiuse no compromiso por levar a esta gran festa á cualificación de interese turístico internacional.

Tamén se fixo fincapé en destacar a indispensable relación do río Miño co Xeodestino do Condado Paradanta, asegurando que coa creación da Ruta da Lamprea e outras iniciativas está a potenciarse este gran proxecto turístico que pretende dar a coñecer o importante patrimonio que rodea á lamprea e á súa captura, desde as artes de pesca como as pesqueiras, ata os lugares de interese natural e cultural como os miradoiros, as igrexas, os paseos ou as pontes”. Engadindo tamén que “Os carreiros son capaces de unir algúns concellos polas beiras dos seus ríos fomentando a unión e cooperación e, por iso, apostamos por este tipo de turismo e demostrámolo, por exemplo, coas recentes melloras do Carreiro dos pescadores. Fixemos un gran esforzo para a recuperación deste carreiro que agora conta con paneis interpretativos, sinalización e mesmo pasarelas de madeira”.

Deja un comentario