+034 986 09 02 04 Martes 20 de Agosto de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

PISTOLETAZO DE SAÍDA Á COPA DEPUTACIÓN DE FÚTBOL 2019 QUE REUNIRÁ A MÁIS DUN MILLAR DE EQUIPOS DA PROVINCIA


A presidenta Carmela Silva sinalou que ”as finais, que terán lugar a finais de maio, celebraranse en Vigo, categoría feminina, e Vilagarcía de Arousa, categoría masculina”

O vindeiro 11 de febreiro abrirase o prazo de inscrición na categoría sénior masculina e na primeira semana de marzo na categoría feminina

A presidenta da Deputación , Carmela Silva, presentou este venres unha nova edición da Copa Deputación, a decimosegunda en categoría masculina e a quinta edición en feminina. En rolda de prensa Silva anunciou que “o prazo de inscrición abrirase o vindeiro luns 11 de febreiro para os equipos masculinos e a primeira semana de marzo no caso dos equipos femininos”.

En canto á Copa Deputación 2019 en categoría masculina as inscricións pecharanse o día 16 deste mesmo mes e os sorteos da primeira ronda terán lugar en Vigo e Pontevedra os días 21 e 22. Esta primeira eliminatoria poderá xogarse xa a finais deste mes. No caso da competición feminina os primeiros partidos disputaranse a mediados de marzo.

Carmela Silva informou que o formato de competición volverá a ser o mesmo que nas últimas edicións xogándose todas as eliminatorias a un único partido que disputarase no campo do equipo de menor categoría e resolvéndose os empates cunha tenda de penaltis. A presidenta tamén sinalou que “a final feminina xogarase en Vigo, no campo do Vao, e a masculina na Lomba, en Vilagarcía de Arousa, ambas a finais de maio”.

Amais da competición en categoría sénior novamente haberá unha Copa Deputación 2019 para equipos de categorías base que comezará no mes de abril, cando terminen as competicións oficiais. Nela, tal e como resaltou Carmela Silva, “participarán, como nas anteriores edicións, máis de 1.000 equipos de nenos e nenas de toda a provincia”.

A organización da Copa Deputación 2019 ten un orzamento total de 120.000 euros, incluíndo tanto as competicións sénior masculina e feminina como a Copa Deputación de categorías base.

Na edición de 2018 participaron un total de 128 equipos, 15 en categoría feminina e 113 equipos de Terceira División, Preferente, Primeira, Segunda e Terceira Autonómica en categoría masculina. Nesta pasada edición os equipos gañadores foron o SCDA de Matamá e o CD Choco, que levantou o título por cuarta vez consecutiva.

Deja un comentario