+034 986 09 02 04 Martes 20 de Agosto de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

O GOBERNO DE CARMELA SILVA ADXUDICA A CONTRATACIÓN DO PROGRAMA “EN RUTA COA DEPO 2019” CON NOVAS MELLORAS NAS CLÁUSULAS DE RESPONSABILIDADE SOCIAL


“Máis mulleres, máis xuventude, máis inclusión e mellores condicións salariais porque para este goberno a equidade segue a ser un eixo central da nosa acción política”

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar a adxudicación do contrato para o servizo de xestión, desenvolvemento e execución do programa “En ruta coa Depo 2019”, promovido polo servizo do Cohesión Social e Xuventude. Así, a empresa seleccionada para levar a cabo a posta en marcha deste programa é “Halcón Viajes S.A”, que introducirá unha serie de melloras enmarcadas nas cláusulas de responsabilidade social.

Neste eido, a presidenta da Deputación puxo en valor que a empresa vai apostar pola equidade ao comprometerse a que o número de mulleres que integre o persoal responsable na execución do programa sexa como mínimo do 50%, “esta medida é fundamental xa que para este goberno a igualdade é un dos eixos centrais da nosa acción política”, destacou Carmela Silva. Amais, en canto ás condicións salariais e laborais, vaise executar unha mellora nas condicións salariais das guías oficias e de autobús, por riba do estipulado nos convenios sectoriais e territoriais de legal aplicación. E, tamén, para a execución do programa, a empresa vai contar cun equipo humano integrado por persoas menores de 30 anos e persoas con diversidade funcional nunha porcentaxe mínima dun 40%.

En liñas xerais, o programa volverá a ofertar 20.000 prazas e 32 rutas por lugares emblemáticos da provincia divididas en rutas temáticas, rutas culturais, marítimas, rutas adaptadas para persoas con mobilidade reducida, rutas dinámicas e interxeracionais. “En ruta coa Depo” pretende crear espazos de unión e convivencia a través do impulso da igualdade de acceso aos recursos turísticos, especialmente para as persoas con diversidade funcional. Amais, o obxectivo deste programa da Deputación de Pontevedra é dar a coñecer os distintos lugares da provincia de Pontevedra, dotar ás asociacións de recursos para promover o envellecemento activo, e tamén promover os valores máis importantes das Rías Baixas para que a xente os coñeza, se poida sentir orgullosa deles, coide o medio ambiente e adquira novos valores de respecto ao entorno. O contido do programa consiste en pasar un día de convivencia pola provincia, mediante acompañamento dun guía que conte coa habilitación de guía de turismo especializado de Galicia e inclúe xantar e trasporte.

A comezos desta semana abriuse o prazo para que as entidades da provincia soliciten participar nesta iniciativa á que a institución provincial destina este ano 365.000 euros, o que supón un incremento de 5.000 euros con respecto a 2018.

Deja un comentario