+034 986 09 02 04 Venres 26 de Abril de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

O GOBERNO DE CARMELA SILVA SÚMASE ESTE LUNS 11 DE FEBREIRO AO DÍA INTERNACIONAL DA MULLER E A NENA NA CIENCIA


A presidenta da Deputación reivindica a necesidade de rachar cos estereotipos para animar ás nenas e mozas a matricularse nas carreiras STEM. “Soamente así poderemos converternos en pezas clave nesta cuarta revolución industrial, ter un papel activo na transformación dixital e participar na toma de decisións”

A Deputación de Pontevedra súmase este luns, 11 de febreiro, ao Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia declarado pola Organización de Nacións Unidas. “Se queremos que as mulleres teñamos un papel activo na sociedade debemos ligar o noso desenvolvemento á tecnoloxía, debemos impulsar a matrícula das mozas nas carreiras STEM”, reivindicou a presidenta provincial. Neste eido, Silva incidiu na necesidade de rachar cos estereotipos, apostar pola formación en materia de igualdade, impulsar a presenza de lideresas tecnolóxicas e científicas nos medios de comunicación para establecer referentes e empoderar ás nenas e ás mozas para que “poidan ser o que desexen”.

Carmela Silva, con motivo do Día Internacional da Muller e Nena na Ciencia, amosou a súa preocupación pola diminución do número de mulleres matriculadas nas carreiras STEM, que decrece ano tras ano e insistiu na necesidade de modificar esta tendencia. Neste eido, a presidenta provincial recordou que as mulleres supoñen o 25% das matrículas en enxeñerías e arquitectura e que soamente o 26% de mulleres traballan en empresas tecnolóxicas. “Preocúpame moito estes datos e tamén os dos últimos informes PISA, que poñen de manifesto que soamente o 7% das mozas de 15 anos pensa en estudar carreiras STEM. Debemos traballar para que a porcentaxe sexa como mínimo do 50% xa que soamente así as mulleres poderemos converternos en pezas clave nesta cuarta revolución industrial e ter un papel activo na transformación dixital”, asegurou a presidenta provincial.

“Se non hai mulleres no ámbito tecnolóxico, o sector no que se crearán máis postos de traballo no futuro, tampouco haberá mulleres ocupando postos de traballos nin mulleres na toma de decisións”, manifestou Carmela Silva. Por iso, para a presidenta provincial é máis necesario que nunca rachar cos estereotipos existentes e impulsar a presenza de referentes de lideresas dos eidos tecnolóxicos e científicos para empoderar ás nenas e ás mozas. Neste eido, Silva recordou que desde a Deputación de Pontevedra se lanzou, o pasado Nadal, a campaña “Xogar sen fendas”, na que se presenta nenas xogando a ser astronautas e científicas. Xunto a esta iniciativa, desde o goberno provincial tamén se puxeron en marcha exposicións como “Con A de astrónomas” ou “Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar”, para visibilizar o papel da muller no ámbito científico.

Xunto á loita contra os estereotipos, a presidenta provincial tamén reivindicou a necesidade de apostar pola formación en materia de igualdade de xénero “dende o berce” e de incrementar a presenza de mulleres científicas, investigadoras e tecnólogas nos medios de comunicación, “para que as nosas mozas e nenas teñan referentes”.

Deja un comentario