+034 986 09 02 04 Domingo 15 de Xullo de 2018

Cores Tourís celebrou o Día Mundial dos Humedais na provincia de Pontevedra visitando o espazo intermareal do Umia en Cambados


Os humidais son extensións de marismas, pantanos ou superficies cubertas de auga, de réxime natural ou artificial, permanentes ou temporais, estancadas ou correntes, doces ou salgadas, cuxa profundidade non exceda de seis metros

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o espazo intermareal do Umia en Cambados para celebrar o Día Mundial dos Humidais.

O delegado territorial estivo acompañado do alcalde da localidade, Luis Aragunde, e do xefe territorial de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, José Luis Díez.

“Coas actividades programadas búscase fomentar a sensibilización das persoas acerca da interdependencia da auga e os humidais, indicar medios adecuados para que os diferentes grupos de interesados compartan a auga dunha maneira equitativa e lograr que se comprenda que sen brañas non habería auga. Este son os obxectivos fundamentais do Día Mundial dos Humidais 2015”, explicou Cores Tourís.

O delegado territorial recordou que os humidais son as extensións de marismas, pantanos e turbeiras ou superficies cubertas de augas, sexan estas de réxime natural ou artificial, permanentes ou temporais, estancadas ou correntes, doces, salobres ou salgadas, incluídas as extensións de auga mariña cuxa profundidade en marea baixa non exceda de seis metros.

Galicia contempla 1.131 humidais (70.673,3 ha) repartidos de forma maioritaria entre os sectores litorais, as depresións sedimentarias interiores e as áreas de montaña sublitorais e centrais. O resto do territorio galego e en concreto as áreas montañosas orientais e meridionais presentan unha menor proporción de ecosistemas húmidos, os cales adoitan estar confinados en áreas con características morfolóxicas favorables ao mantemento das achegas hídricas estacionais.

A nivel provincial, Pontevedra alberga un total de 236 humidais (8.088,7 ha.).

Os humedais inventariados pódense agrupar en catro grandes tipos de humidais:

a) humidais marinos e costeiros: 153 (20.268,2 ha.)
b) humidais continentais: 659 (34.441,4 ha.)
c) humidais subterráneos: 7 (0,6 ha.)
d) humidais artificiais: 312 (15.965,8 ha.)

En relación ao complexo intermareal do Umia, o delegado territorial destacou a gran riqueza pesqueira e marisqueira desta zona que conta, ademais, con gran afluencia turística. “A maiores, non podemos esquecer que o complexo intermareal Umia-O Grove-A Lanzada-Lagoa-Bodeira-Punta Carreirón conta cun especial microclima que fai posible a presenza dunha gran diversidade de vida. É unha importante zona de desove de peixes, crustáceos e moluscos”, asegurou.

Pola súa importancia ecolóxica, esta braña, cunha extensión de 2.600 hectáreas, foi declarada Zuna Húmida de Importancia Internacional; Humidal protexido, Zona de Especial Protección para as Aves e Lugar de Interese Comunitario da Rede Natura 2000, formando parte do LIC Complexo Ons-O Grove.

Neste espazo, sometido á influencia das mareas, existen bancos naturais de moluscos como ameixa e berberecho. A abundancia de alimento dos fondos limosos e a tranquilidade e pouca profundidade das súas augas fan que esta zona sexa a máis importante de Galicia de acollida de aves migratorias acuáticas, “de tal xeito que se converteu no mellor lugar para a observación deste tipo de aves de toda a nosa comunidade autónoma”, engadiu José Manuel Cores Tourís.

Entre as aves, máis de 200 catalogadas neste espazo, destacan as limícolas como o ostreiro, a píldora, o bilurico, o alavanco, o pato, a garza ou o cullereiro. Ademais, tamén destacan as plantas que se adaptan al medio salino e que cumpren unha función de refuxio para gran cantidade de invertebrados, facendo ademais de elementos naturais que minoran a forza das correntes. Entre estas plantas atópase a seba.

No espazo intermareal atopamos varios tipos de ecosistemas cunha fauna e vexetación de enorme importancia, como a Enseada, a lagoa Bodeira, a Lanzada ou Punta Carreirón.

O delegado territorial aproveitou para recordar que na provincia de Pontevedra estanse a investir anualmente máis de 2 millóns de euros para a conservación destes espazos naturais, tanto na Rede Natura coma no Parque Natural.

Programa de actividades
Cada 2 de febreiro desde 1971 celébrase o Día Mundial dos Humidais en conmemoración á data na que se asinou o convenio sobre os humidais, nas ribeiras do Mar Caspio, na cidade iraní de Ramsar. O obxectivo da mesma é que organismos oficiais, organizacións non gobernamentais e os mesmos cidadáns, se unan para protexer os humidais de todo o mundo e se recoñeza o seu valor e importancia.

Para dar a coñecer a importancia dos mesmos, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza preparou unha serie de actividades nos diferentes parques naturais e lagoas de Galicia para incidir na importancia dos mesmos.

Na provincia de Pontevedra, as actividades cos escolares céntrasen no Centro de Interpretación da Natureza da Siradella, no Concello do Grove, onde se realizou unha xornada de portas abertas no que se poderán visualizar vídeos sobre as aves que habitan na Zona de Especial Conservación (ZEC) do Complexo Intermareal Umia-O Grove en horario de 10:00 a 14:00 horas.

Deja un comentario