+034 986 09 02 04 Martes 22 de Outubro de 2019

O CALENDARIO DA FESTA DA TROITA COMEZA O 21 DE MARZO E REMATA O 19 DE MAIO


O Goberno local pecha as datas coa Asociación de Amigos da Troita, incorporando ao núcleo da Fraga ás “troitadas” polo rural

A 53ª edición da Festa da Troita xa ten calendario definitivo. O programa da única festa gastronómica de toda Galicia que inclúe un periplo dun mes por todo o territorio municipal, arrancará o 21 de abril, domingo, na Fraga para rematar o 19 de maio, tamén domingo, na Alameda de Ponte Caldelas.
O Goberno local (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) pechou definitivamente un calendario que este ano madruga especialmente para esquivar a coincidencia coas Eleccións Municipais, cuxa xornada de votación está programada para o 26 de maio, é dicir, ao domingo seguinte do remate da tradicional festa consagrada ao “peixe máis bonito do mundo”.
O alcalde, Andrés Díaz, mantivo unha xuntanza coa Asociación de Amigos da Troita, o equipo de colaboradores que de xeito altruísta ocúpase do desenvolvemento das 28 xornadas (26 delas no rural e as dúas finais no centro urbano) nas que consiste a Festa da Troita, e acordáronse as datas definitivas.
A Festa crece este ano cunha parada máis, a da Fraga, por petición expresa dunha veciñanza que, ata o de agora, tiña que desprazarse ata Caritel. Ao non existir Casa do Pobo na Fraga, a cita será no baixo da casa dunha veciña que ofreceuse a colaborar. As seguintes citas serán, por esta orde, en Forzáns, A Esfarrapada, Laxoso, A Roca, Xustáns, Vilarchán, Silvoso, Rebordelo-Coveliño, Tourón, Pazos, Buchabade, Anceu, Chaín, A Reigosa, Taboadelo, Paradela-Gradín, Parada, Contixe, Barbudo, Cuñas, A Insua, Baltar, Caritel e Mirón. O remate final ao periplo polas parroquias será, como é habitual dende que comezou esta xeira hai tres anos, en Regodobargo.
A Festa da Troita polo rural, unha novidade introducida este mandato polo Goberno caldelán é xa un evento plenamente consolidado. As noites nas parroquias convertéronse nun evento social no que participa toda a veciñanza e tamén visitantes chegados doutros lugares. Tanto é así que o ano pasado consumíronse 1.500 Kg de troita, é dicir, unha cifra xa moi próxima á que se serviu durante a fin de semana final na Alameda.
O peixe sérvese fritido ou en escabeche, ao prezo de 3 euros incluídos pan e viño, a veciñanza achega doces caseiros e/ou licor café e a festa continúa ata ben pasada a media noite, especialmente nas fins de semana. Ao remate da degustación comeza a animación musical a cargo de grupos locais.

Deja un comentario