+034 986 09 02 04 Xoves 25 de Abril de 2019

BELÉN VILLAR REÚNESE COS VECIÑOS DE RIBADETEA QUE LLE TRANSMITEN A SÚA PREOCUPACIÓN POLO PROXECTO NA ESTRADA EP-2703


O Concello e a Deputación anunciaron que as obras xa poden comezar, e a candidata do PP adiantoulles aos veciños que presentará unha pregunta no próximo Pleno, xa que non coñecen o proxecto

A candidata do Partido Popular en Ponteareas, Belén Villar, reuniuse, esta fin de semana, cos veciños da parroquia de Ribadetea para coñecer as súas inquedanzas co proxecto que a Deputación vai levar a cabo na estrada provincial EP-2703.
Villar comprometeuse a presentar, no próximo pleno, unha pregunta ao equipo de goberno, para que concreten en que vai consistir a reforma desta estrada, xa que os veciños non coñecen o proxecto e son os principais prexudicados. “É inadmisible que o alcalde anuncie que se vai executar unha reforma neste vial sen contar con eles. Ademáis suponse que non será unha obra menor e nunha estrada pola que, a diario, circulan 2.700 vehículos hai que sopesar moito tódalas reformas que se fagan, non se pode improvisar”, asegura Belén Villar. O proxecto no vial de Pazos a Ponteareas ao seu paso por Ribadetea, segundo o Concello, xa ten todos os permisos e así a Deputación de Pontevedra poderá executalo de xeito inmediato. “Non se concibe que os veciños teñan que coñecelo pola prensa o mesmo día que estaba convocada esta reunión. Merécense máis respecto”.
Durante a reunión, a candidata do PP tamén explicou as particularidades do Plan Xeral nesta parroquia e atendeu todas as preguntas que fixeron os veciños. Asimesmo, estes amosaron moito interese polo saneamento en Ribadetea e Belén Villar comprometeuse en trasladar todas as súas demandas para que fosen atendidas. “Agradezo a presenza de todos os veciños que asistiron á reunión, así como o seu interese”, afirmou.

Deja un comentario