+034 986 09 02 04 Domingo 15 de Decembro de 2019

O CONCELLO DESEÑA O PLAN PARROQUIAL DE REBORDELO CON MELLORAS VIARIAS, DE ABASTECEMENTO E NA CASA DO POBO


Destinaranse 90.000 euros á renovación da pista do Pozo Negro, a construción dun depósito de augas e certas reformas na Casa do Pobo

O Concello de Cerdedo-Cotobade xa ten deseñado o Plan Parroquial de Rebordelo, que inclúe a realización de melloras viarias, de abastecemento de augas e de equipamentos sociais por un importe de 90.000 euros. Estas actuacións, xa perfiladas polos servizos técnicos municipais, foron concretadas esta mesma mañá polo presidente municipal, Jorge Cubela, que percorreu toda a parroquia para fixar as obras definitivas que se acometerán de xeito inmediato nas vindeiras semanas.

O rexedor anunciou a inminente renovación integral da pista do Pozo Negro despois de comprobar novamente o seu estado, bastante deteriorado polo envellecemento dos materiais, a afección da climatoloxía e o tráfico. Esta actuación, que incluirá o perfilado e mellora do trazado así como a dotación dunha nova capa de rodadura, terá un investimento de 30.000 euros, que serán financiados ao abeiro dun plan da Consellería de Medio Rural.

Así mesmo, Cubela indicou que neste primeiro semestre do ano tamén se procederá á construción dun depósito de auga, cunha contía de 29.000 euros, para garantir o axeitado abastecemento aos veciños. Esta iniciativa enmárcase no plan municipal de loita contra a seca, que inclúe principalmente a instalación de 25 novos depósitos –algúns dos cales xa están feitos– por todo o termo nun período de tres anos.

Finalmente, a terceira gran actuación na parroquia de Rebordelo será a execución de certas melloras na Casa do Pobo, por importe de 30.000 euros, ao abeiro do Plan de Centros Veciñais
2019, co que se pretende, ao remate deste ano, ter construídos ou reformados todos estes
recintos sociais do territorio de Cotobade.

“Con este novo Plan Parroquial pretendemos deixar a Rebordelo nunhas óptimas condicións no que se refire ás súas infraestruturas e servizos públicos, xa que completará outras actuacións que acometemos entre o final de 2018 e o principio deste exercicio”, detallou Cubela, en referencia ás recentes obras de de limpeza e construción de gabias e canalizacións de pluviais entre O Salgueiro e a carballeira e a dotación dunha marquesiña nesta mesma aldea, así como

do arranxo de fontes e lavadoiros, que elevan os investimentos globais nesta parroquia nos últimos meses ata os 200.000 euros.

Deja un comentario