+034 986 09 02 04 Martes 20 de Agosto de 2019

SEGISMUNDO TOXICÓMANO, NAO, BOIKOT E DAKIDARRÍA SÚMANSE AO CARTEL DO SONRÍAS BAIXAS


Os xa anunciados La Pegatina, La M.O.D.A, Muyayo Rif. Periferia Norte, Zea Mays e Zoo completan este terceiro avance do cartel que o festival de Bueu prepara para os días 1, 2 e 3 de agosto

Segismundo Toxicómano, Nao, Boikot e Dakidarría súmanse á programación da XVII edición do SonRías Baixas, que se celebrará os días 1, 2 e 3 de agosto en Bueu. Ademais destas catro bandas, a organización do festival xa anunciara previamente a La Pegatina e la M.O.D.A, dous dos grupos da escena alternativa máis destacadas do estado; Muyayo Rif, unha das propostas máis vitalistas e sorprendentes da escena catalá; aos valencianos Periferia Norte, capitaneados pola poderosa JazzWoman; á mítica banda bilbaína de pop-rock en euskera Zea Mays e aos valencianos Zoo. As entradas para o SonRías Baixas, cuxo festival se pechará ao longo das próximas semanas, están á venda na web sonriasbaixas.info cun prezo especial e limitado de 31 € máis gastos os tres días de concertos, acampada incluída.

Segismundo Toxicómano achegaralle ao público do festival o seu hardcore punk con contundencia e velocidade facendo gala do seu lema: “Somos los Segis y vamos al puto lío”. Tamén o fará Nao, que se despide dos escenarios nesta á que chaman A derradeira xira e ofrecerá no SonRías Baixas unha das últimas oportunidades para velos en acción. Ademais, tras celebrar o seu XV aniversario en novembro ante 2.500 persoas e con máis de 40 colaboracións, Dakidarría regresa a Bueu coa súa mensaxe rebelde e de loita, que ás veces nos transmite a rabia contra as inxustizas e ás veces o bo rollo máis sincero. Completan o terceiro avance do SonRías Baixas Boikot, que continúa reiventando o rock urbano e o punk dos seus inicios para pasar a unha fórmula propia que inclúe tamén o ska, os sons latinos ou o espírito da festa balcánica.

MÁIS INFORMACIÓN SOBRE AS BANDAS

A carreira de Segismundo Toxicómano é a dunha banda fiel á súa esencia sen pecharse a engadir máis matices, pasando dun punk rock de corte máis clásico (con influencias como Cicatriz e Cock Sparrer) a achegarse ao hardcore de NOFX ou Rancid e aumentar a potencia. Con todo, a tradición do rock vasco segue viva nesta banda de Gasteiz que defende o “faino ti mesmo” autoeditando os seus traballos e xunta letras claramente políticas con melodías coreables e, claro, tralla. Nos últimos anos, os Segis foron completando unha serie de EPs recopilados no álbum Trilogía, con cancións que amosan o momento no que se atopan, no que a madurez lles dá sabedoría á hora de compoñer e manteñen a súa lendaria intensidade. Con clásicos como “Por ti” ou “Las drogas”, hoxe son unha das figuras míticas do punk estatal, cun nome que pode figurar ao carón dos de La Polla Records, R.I.P. ou Soziedad Alkoholika.

NAO visitarán o SonRías dentro do Apocalipse NAO Tour, no que preparan un novo espectáculo con nova escenografía e colaboracións no que repasarán toda a súa discografía. Sete álbumes que os asentaron como un referente ideolóxico e musical no rock galego, como proba o público que corea as súas letras nos seus directos. En Ata que o lume se apague, o disco que serve de peche ao traballo da banda da Estrada, engadíronse ademais máis matices ao seu son, introducindo aportacións especiais dende o ámbito do rap (Sondarúa), o pop (Eladio Santos) e mesmo o folk (Tanxugueiras) ou a música de verbena (con Oscar López e Santiago Colmenero, da Charanga Fuego). A maiores, nesta derradeira etapa do grupo seguimos a disfrutar dunha lírica especial, que conxuga o íntimo e o combativo e chama a atención sobre problemáticas como o rexurdir do franquismo ou a violencia machista.

Nos máis de quince anos de traxectoria de Dakidarría a súa música tenos convertido nun nome esencial da música galega, pero non só iso. Sen abandonar a súa identidade e a súa visión do mundo, estes sete músicos do Val Miñor percorreron xa toda a península, parte de Europa e ata México. E é que ningunha fronteira pode impedir que a xente sinta o subidón de adrenalina que provocan pasando dos ritmos xamaicanos ou latinos a rapear, ou a unha tralla punk que nunca falta. O mesmo levantan un festival que un furancho. Ata poder velos en directo, o mellor exemplo para saber do que son capaces pode ser o seu último EP, Filosofía incendiaria, no que colaboran La Raíz, outros vellos coñecidos do SonRías. Nel o dominio desa fusión heteroxénea de estilos é maior ca nunca, e nas letras seguen a facernos pensar sobre a realidade e darnos a coñecer reivindicacións. Como eles mesmos din, “Lume!”.

Nos últimos tempos, Boikot veñen compartindo o seu novo material a través de videosingles como a citada “Lloraré”, “Jarama” ou “Hablarán las calles”, cancións nas que apuntan a súa tremenda versatilidade: o mesmo se achegan ao folk que introducen elementos rapeados ou mestizaxe. Cales son as constantes nun repertorio tan variado? O espírito punk reivindicativo e a enerxía festiva, que fai que os seus concertos sexan sempre unha experiencia memorable, aquelarres nos que hai espazo para corear retrousos épicos e bailar ata que o corpo aguante. O eclecticismo de Boikot déixase ver na lista de influencias que citan, dende o punk de NOFX ou The Clash ao folk rock de Goran Bregovic ou The Pogues, sen esquecerse de figuras esenciais do Estado como La Polla Records, Leño ou Kortatu, ás que logo de quince discos e xiras por Europa e Latinoamérica poden mirar de ti a ti. Ademais, esta traxectoria levounos a colaborar con xente como Los Chikos del Maíz, Zoo, Amparanoia, Reincidentes ou SKA-P, noutra mostra da súa falta de prexuízos.

COMPLETAN O CARTEL…

As sorpresas nunca faltan cando entra en escena La Pegatina. Pecharon xira cunha gran festa en Madrid e comezan o ano anunciando diversión e baile ata que o corpo aguante para a súa volta ao escenario do SonRías. Até aí poden ler. O grupo catalán máis internacional non se cansa de repartir tolemia alá por onde pasan, cun directo cuxa marca da casa é espectáculo e adrenalina até a éxtase. E o público de Bueu está ansioso por gozar coa contaxiosa alegría dos seus concertos.
Merengue, reggae, rumba, ska, punk xitano… A esencia de La Pegatina mantense, pero o grupo ábrese a novos horizontes sonoros, sempre alternativos, e xoga co country, co folk, corock, cos ritmos latinos ou africanos, cos aires balcánicos. E este cóctel de modernidade, frescura, improvisación, unido ao seu quince anos ao pé do canón e á experiencia acumulada de máis de mil concertos en trinta países, dan como resultado un baile máis heteroxéneo, unha festa máis completa e global.
Destacan as bases cargadas de texturas, trompetas, coros, programacións. “Unha radiografía moderna”, di Laura Piñero, “vela de lonxe, gústache, pero non logras identificar todos os elementos na súa totalidade. Cando te achegas, recoñeces a esencia de sempre reforzada con novos riffs de guitarras, a mandolina, a trompeta, o acordeón, un amplo abanico de percusións como o xilófono e potentes arranxos de vento”.
Nas súas novas letras, vemos novas inquedanzas existenciais, feridas como o egoísmo nas relacións de parella, desexos de cambio interior, de contemplar a vida desde a tranquilidade, de volver ás orixes. Necesidades vitais compartidas por toda unha xeración, que quere medrar e que medra, pero que non renuncia a facelo bailando..

 

A música de La Maravillosa Orquesta Del Alcohol é tan particular, tan especial, que nela teñen cabida todos os estilos e rexistros. Este orixinal septeto burgalés pechou 2018 bailando ao unísono con 12.000 persoas no WiZink de Madrid e empeza 2019 prometendo facer historia do SonRías Baixas co seu directo enerxético e apaixonado, no que non faltarán o blues, o country, o folk, o punk nin o rock and roll.
Festivais, salas, bares e rúas de toda España, de México, de Dublín e de Londres acolleron á Maravillosa Orquesta Del Alcohol na súa frenética carreira cara ao éxito. La M.O.D.A. desprega sobre o escenario un universo único, que con cada nova proposta se volve aínda máis difícil de etiquetar, encaixando sonoridades e instrumentos diversos: clarinete, tuba, vibráfono, saxo barítono, violín trompeta… e, por suposto, todo tipo de guitarras, banjos ou mandolinas, xunto ás percusións tradicionais e contemporáneas.
Recoñecen influencias dispares que van desde The Clash a Springsteen pasando por The Pogues, Dylan, Calexico ou Eskorbuto, Georges Brassens, Silvio Rodriguez ou Mano Negra. Nalgún punto desa frenética carreira, atopan novas influencias na música popular de Francia, de Irlanda e Escocia, do Leste de Europa ou da Península Ibérica, e súmanas á mestura de folk, country, punk e rock and roll da que levan bebendo desde a súa fundación. E envolven, con todo iso, unhas letras plenas de reivindicación e de inconformismo, co resto e cun mesmo. De rabia e de beleza. De medos, pero tamén de soños e esperanza. Unha proposta repleta de paixón que converte cada un dos seus concertos nun acto de liberación persoal e colectiva.

 

A banda catalá Muyayo Rif chega ao SonRías Baixas coa súa singular e elaborada posta en escena a base de ventos, teclado, batería e guitarra. Á enerxía e o groove marca da casa, engádenlle agora novos sons, como o electroswing ou o balkan. E logran, así, renovar un potente directo, onde predomina a enerxía, a festa e a crítica social desde un espírito optimista e festivo. Unha fórmula coa que conseguiron cativar ao público das 500 cidades polas que pasaron nos seus máis de 10 anos de carreira. Muyayo Rif é considerada unha das bandas máis internacionais da escena catalá. Con máis de 500 concertos ás súas costas e despois de facer bailar ao público en salas e grandes festivais de España, Francia, Holanda, Rusia, Bélxica e Suíza volven agora cunha nova xira internacional para amosar o seu explosivo directo.

 

A valenciana JazzWoman capitanea o novísimo colectivo de artistas de sensibilidade urbana Periferia Norte, que acaba de ser galardoado como o mellor grupo de música en valenciano no certame Sona la Dipu. O público do SonRías renderase, sen dúbida, á súa particular mestura de estilos -Dancehall, Hip Hop, R & B, Trap, Reggae e Electrónica- amenizada cun enerxético directo no que teñen cabida diferetnes performances, un equipo de baile e animación. Un dos grandes descubrimentos desta edición!
Aos seus 21 anos, a Carmen Aguado Bordería (JazzWoman) xa conquistou o público grazas a unha personalidade digna dunha mixtaper de armas tomar. A ex-integrante de Machete en boca ponse agora á fronte da célula creativa composta por Kran F, Hien, Do Olmo e AGS, un comando de regeneradores dos sons urbanos que na súa mestura de trap, dancehall, reggaetón, R&B e electrónica ferrosa, cultivaron unha lexión de fieis saídos dos mesmos garitos nos que botaron os dentes Pedro LaDroga, Cecilio G ou Yung Beef. Bases obsesivas sostendo fraseos insidiosos esquecidos baixo un banco no medio dun parque cheo de chonis condenados ao trapicheo sobre o capó do coche.

A banda bilbaína Zea Mays conxuga a pétrea tradición vasca coa sutileza do pop-rock contemporáneo, dando corpo a unha proposta musical única, na que finas melodías de guitarra e coidados toques de sintentizador e teclado se mesturan sobre unha potente e elegante base rítmica para arroupar a poderosa voz de Aiora Renteria. Unha front girl de armas tomar, que atrapará ao público do SonRías Baixas coa enerxía e coa sonoridade das letras en euskera.
Zea Mays fai bandeira da súa identidade cun último traballo que leva o orgullo, Harro, no nome, para non chamar a enganos. A banda vasca chama a resistir o temporal e saír a flote, a recoñecer a fortaleza que dan o amor e a amizade e a reconciliarese con esa parte da humanidade na que hai tempo que perdemos a fe. E faino con desgarradores riffs e elegantes liñas de guitarra que ceden protagonismo aos sintetizadores, con potentes bases rítmicas que animan a bailar e con melodías escuras que dan paso a cancións emocionantes e luminosas como o hit Negua joan da ta, que leva máis de 4 millóns de reproducións en Youtube.

Os valencianos Zoo celebran o seu 5º aniversario este 2019 e queren facelo gozando todos e cada un dos seus directos como se fora o último. Con ese obxectivo chegarán a Bueu o vindeiro mes de agosto, onde revolucionarán o SonRías Baixas coa súa descarga de enerxía non stop: música electrónica que mestura rap con trombóns e guitarras rockeiras, toques mediterráneos e ritmos festivos para bailar ata que o corpo aguante. Os Zoo arrasaron en 2014 con Estiu, un hit que fala das inxustizas na vida dos máis humildes, da xente de barrio, no contexto dunha historia de amor de verán. Poucas veces un grupo chama tantísimo a atención con tan só unha canción e un videoclip… e encima en valenciano!
En catro anos, os de Gandía celebraron máis de 200 concertos en máis de 7 países diferentes, publicaron 28 cancións propias, 8 escenas cotidianas e 18 videoclips orixinais. Hai uns días, lanzaron o cuarto e último tema do seu último proxecto discográfico, o 2k18, e anunciaron que sería o derradeiro. Karrer de L’Amargura (Basque Remix) é unha revisión en clave euskaldún do seu exitoso Carrer de l’amargura, man a man coas percusións e a txalaparta do colectivo de Errenteria Zo-Zongó, a trikitixa de Xabi Arakama e a interpretación libre en euskera de Fermin Muguruza.Tamén cun coidado formato audiovisual, completan 2k18 Robot, Omertà e Cançons d’Ofrena, un tema de corte jazz que conta coa participación de JazzWoman, exintegrante de Machete en Boca que acaba de debutar en solitario coa mixtape Bagheera.

 

UN FESTIVAL QUE ACHEGA Á CONTORNA MÁIS DUN MILLÓN DE EUROS
FEST Galicia realizou este 2018 un informe de avaliación do impacto económico e social do SonRías Baixas de Bueu, segundo o cal o festival xerou na súa pasada edición un impacto de 1,14 millóns de euros na comarca do Morrazo.

O festival, que rexistrou unha ocupación media superior ao 85% e 21.800 visitas durante os tres días, tivo como perfil de asistente máis común o dunha muller nova, de 18 a 24 anos, galega e estudante, que acudiu ao evento en grupo e atraída prioritariamente pola súa programación musical.Tendo en conta tanto a mocidade como a situación laboral do público medio, resulta especialmente relevante a cifra de gasto por persoa e día que se aproxima aos 43 euros e que supón un impacto económico na comarca de 1,14 millóns de euros.

A valoración dos asistentes, que lle concederon á 16ª edición unha nota de 7,8 sobre 10, é outro dos datos salientables do informe. Así, na puntuación dos servizos superan o 8 sobre 10 a localización e integración na contorna, a puntualidade dos concertos, o sistema de compra de entradas e mais o trato do persoal. Estas notas esténdese tamén aos intanxibles e ao impacto social: mellora o coñecemento da localidade (8,94) e a súa imaxe (8,06), atrae turismo (8,65) e xera impacto económico (8,94) e orgullo local (8,03).

Deja un comentario