+034 986 09 02 04 Martes 20 de Agosto de 2019

MORAÑA ENTREGA OUTRO LOTE DE COMPOSTEIROS DOMÉSTICOS E PREPARA O REPARTO DE 60 CONTEDORES DE PLÁSTICOS E PAPEL POLO CONCELLO


Luisa Piñeiro anuncia unha nova solicitude a Sogama para recibir máis depósitos de reciclaxe de residuos orgánicos para os domicilios

O Concello de Moraña está inmerso no desenvolvemento do seu proxecto de ampliación da recollida selectiva, que vén de cubrir unha nova fase coa entrega dun novo lote de composteiros domésticos para o tratamento do lixo orgánico e que vivirá outra etapa a vindeira semana coa distribución de máis de 60 contedores de plásticos e de papel-cartón por todo o municipio.

A alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, convocou aos veciños solicitantes do novo paquete de 25 composteiros na nave municipal de Mirallos para darlles unhas pequenas explicacións sobre o seu funcionamento e entregarlles unha guía e o correspondente depósito de reciclaxe de residuos orgánicos para a súa conversión en abono de compost.

Nesta pequena xuntanza animounos a tratar o contido da chamada bolsa verde, “xa que Sogama anunciou que a partires do vindeiro ano a mellora na separación de residuos permitirá reducir a factura municipal polo tratamento e, por tanto, a taxa municipal que pagan os veciños, pero é algo que temos que facer de xeito global, entre todos, como sociedade, porque senón os esforzos serán baldíos”.

Así mesmo, e tras completar a entrega e contar xa con 50 composteiros domésticos noutras tantas casas de Moraña, anunciou que vai cursar unha nova solicitude a Sogama para recibir máis depósitos destas características e seguir coa súa distribución entre as familias interesadas, que xa poden anotarse no Concello.

Por outra banda, as accións de impulso da recollida selectiva continuarán a vindeira semana co reparto, por parte de persoal municipal, de 55 contedores amarelos para plásticos e envases lixeiros e 7 iglús azuis de papel-cartón. O Concello vai colocalos en moitas aldeas do rural para que se incorporen a este servizo e tamén efectuará certa reposición e reordenación no casco urbano de Santa Lucía. “A idea é achegar estes contedores aos veciños para que teñan máis fácil separar e depositar axeitadamente
o seu lixo, impulsando así a reciclaxe de todo o concello”, detallou a rexedora.

Deja un comentario