+034 986 09 02 04 Xoves 25 de Abril de 2019

O CONCELLO ADQUIRIRÁ NOVO EQUIPAMENTO PARA A ESCOLA DE MÚSICA E O PAVILLÓN MUNICIPAL


O material para a Escola de Música permitirá contar cunha base mínima de instrumentos que permitirá impartir un ensino de maior calidade

O Concello de Mondariz investiu, con cargo á liña 1 do Plan Concellos 2018, un total de 6.624,57 € en adquirir material para a Escola Municipal de Música e o Pavillón Municipal de Deportes. En ámbolos dous casos, o material proposto permite unha optimización das dúas instalacións, tanto no que fai referencia ao seu aproveitamento por parte de usuarios e usuarias, no caso da Escola de Música, coma na posta en valor da propia instalación, no caso do Pavillón de Deportes.
Escola de Música
Tal e como explica o alcalde de Mondariz, Xoán Carlos Montes Bugarín, a Escola Municipal de Música de Mondariz (ESMU) leva en funcionamento dende o 2006 sen que, ata a data, houbera “practicamente ningunha nova incorporación de instrumentos ou mobiliario”.
Non se pode esquecer que a Escola ten, nestes momentos, profesores de Vento-Metal, Vento-Madeira, Percusión e Guitarra, polo que é precisa a adquisición de instrumentos de cara a conseguir unha base mínima de material que o alumnado poida utilizar.
“Contar material da propia Escola, permitiría ofrecer unha ensinanza de maior calidade”, explica Xoán Carlos Montes que lembra que a maior parte do alumnado, “comeza na ESMU sen instrumentos propios”.
A maiores, determinado material, como boquillas para o departamento de Vento-Madeira, “son necesarias por motivos de hixiene ou mesmo por operatividade no caso de que alguén se lle rompa a súa”.
En todo caso, o material que se adquira servirá para reforzar o ensino nos catro departamentos de tal xeito que vento-metal poderá contar cunha trompeta e un trombón tenor; vento-madeira con boquillas, correa/arnés de saxofón, pizarras/encerados de pentagramas para rotuladores; percusión, dotarase dun xilófono de escritorio, platos para a batería e material Orff e, finalmente, guitarra poderá contar cunha guitarra clásica (electrificada). O feito de estar amplificada resolve os problemas de sonorización para as actuacións e festivais.
A maiores, todos os departamentos precisan de material común como micrófonos, pedestais, atrís, mesturadores USB de 24 canles ou radio-cd para as clases que utilizan ese soporte.
Pavillón de Deportes
En canto ao material para o Pavillón de Deportes vén dada a súa necesidade, como apunta o alcalde Xoán Carlos Montes Bugarín, “pola propia diversificación de actividades da instalación xa que pasou de acoller só eventos deportivos a ser lugar habitual de desenvolvemento doutras actividades que, por mor da choiva, non se poden celebrar na rúa como festas infantís, feiras ou mesmo o final da cabalgata de Reis”.
Esa diversificación de actividades fai preciso mercar unha moqueta para protexer a pista deportiva que é de vinilo. Ata a data, ao concello préstanlle, de xeito puntual, unha moqueta. Contar cunha moqueta propia permite, por unha banda, a realización de calquera evento en calquera momento e, doutra, melloraríase a estética da instalación ao ter unha moqueta da mesma cor en toda a pista.
Doutra banda, engade Xoán Carlos Montes, “o pavillón precisa de material de megafonía que permita o correcto desenvolvemento de actividades deportivas como a patinaxe artística, campionatos de fútbol sala ou bádminton, e actividades extradeportivas como a cabalgata de reis ou festas infantís”.
E por iso que esta instalación dotouse dun amplificador con reprodutor mp3, USB, SD e desplay amais dun micro inalámbrico.

Deja un comentario