+034 986 09 02 04 Venres 23 de Agosto de 2019

A DEPUTACIÓN LEVA A PONTE CALDELAS A SÚA BATALLA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO A TRAVÉS DUNHA “PERFORMANCE”


 

O alumnado do Instituto participa seleccionando novas e representando o sufrimento das mulleres, a pesar dos avances lexislativos

As leis son importantes, pero máis importante é facelas cumprir. Esa podería ser a mensaxe trala “performance” da artista Concha Mayordomo, representada no salón de actos do instituto de Ponte Caldelas. O acto, con asistencia do alumnado de Cuarto da ESO, estivo dirixido polo alcalde, Andrés Díaz, e a deputada provincial de Igualdade, Isaura Abelairas.
A actividade está encadrada dentro do programa “Mulleres en acción. Violencia Cero” da Deputación. Abriuse cunha intervención en vídeo da presidenta provincial, Carmela Silva, para dar paso a unhas breves intervencións antes da quenda da artista madrileña.
Concha Mayordomo, auxiliada por tres alumnos, propuxo unha análise crítica da realidade a través das novas que o propio estudantado seleccionou nos últimos días. Recollendo recortes dos xornais puxeron de manifesto a distancia que aínda nos separa dunha sociedade igualitaria e xusta, na que as mulleres teñan os mesmos dereitos reais que os homes.
A “performance” comezou co reparto polo chan de ducias de folios con leis e resolucións destinadas a protexelas mulleres. Despois da lectura de cada titular cun novo caso de violencia e/ou discriminación íase pegando o recorte na parede, compoñendo así un mural. No medio, un feixe de bonecos de peluche. A cada nova íase retirando un.
“Mulleres en acción. Violencia cero” consiste este ano, cuarto na súa andaina, no traballo de 25 artistas especializadas en diferentes modalidades expresivas, todas elas enlazadas pola vontade de ofrecer un discurso comprometido en favor da igualdade. Está a pasar por 25 concellos da provincia. Ponte Caldelas é o único concello da bisbarra do Verdugo-Oitavén en sumarse.

Deja un comentario