+034 986 09 02 04 Xoves 03 de Decembro de 2020

PONTEVEDRA ACOLLERÁ O 1 E 2 DE MARZO A II EDICIÓN DO FORO “AS MULLERES QUE OPINAN SON PERIGOSAS” COMO PISTOLETAZO DE SAÍDA AOS ACTOS DO 8-M


Carmela Silva puxo en valor o encontro das mulleres columnistas, que volven apoiar Deputación e Concello, “porque estas iniciativas son as que de verdade cambian o mundo”

A presidenta denunciou que ”aínda que se deron algúns pasos, as mulleres son o 64% do xornalismo mentres que só o 27% ocupan algún posto de dirección nos medios”

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, participou esta mañá, no Concello de Pontevedra, na presentación do “II Encontro de Mulleres Columnistas: As mulleres que opinan son perigosas 2019” xunto a Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra; Susana Pedreira, xornalista e organizadora do encontro, e Diana López Varela, xornalista e organizadora do evento. O encontro, que se realiza por segundo ano consecutivo, será un foro que reunirá a 15 mulleres columnistas de diferentes xeracións e perfís, profesionais do xornalismo e da escritura que reflexionarán o 1 e 2 de marzo sobre a realidade do xornalismo de opinión en España.

Durante a presentación do evento que acollerá Pontevedra a comezos do vindeiro mes, a presidenta da Deputación de Pontevedra denunciou que, segundo un informe recente da Asociación de Prensa de Madrid, “aínda que as mulleres somos o 64% das persoas coa carreira en xornalismo, tan só ocupamos o 27% da escala directiva nos medios de comunicación, fronte ao 73% dos homes”. Neste eido, Silva engadiu que no 2015 os cargos de dirección nos medios ocupados por mulleres era do 10,9%, “o que significa que algo temos avanzado pero aínda queda moito por facer, iniciativas como As mulleres que opinan ou a folga do 8 de marzo sen dúbida teñen que ver con que cambiasen moitas cousas no último ano”. A presidenta da institución provincial tamén resaltou que “o número de mulleres que traballan como redactoras é maior que o de homes, concretamente un 26%, isto quere dicir que nos escribimos as noticias pero eles as contan e poñen a cara e a voz”.

Carmela Silva subliñou que “o II Encontro de Mulleres Columnistas: as mulleres que opinan son perigosas servirá para reivindicar o papel das mulleres xornalistas, para rachar con estes datos negativos e, tamén, se converterá nunha referencia en toda a provincia, en toda Galicia, en toda España e incluso en moitos medios de Europa. Este evento é a porta que abre o que vai acontecer o vindeiro 8 de marzo”. Máis polo miúdo, a presidenta da Deputación engadiu que “está demostrado que as mulleres non ocupan os espazos que lle corresponden nos medios, de feito no 2017 o total de paradas periodistas era de 4.500 mulleres, fronte aos parados periodistas que se situaba ao redor dos 2.500”. Xa para rematar, Silva recordou o éxito obtido no primeiro Encontro de Mulleres Columnistas, “foi un acontecemento en todo o estado español, nin máis nin menos que 21 millóns de impactos en Twitter, o que demostra que as cousas que teñen que ver ca igualdade interésanlle moito á poboación”.

Pola súa banda, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, afirmou sentirse orgulloso “de que o concello forme parte de iniciativas coma esta e de que Pontevedra se vaia converter no centro deste gran debate tan necesario na sociedade actual”. Neste senso, Lores engadiu que “a loita contra o machismo e contra o patriarcado hai que facela, unha loita na que me inclúo pero que son consciente de que ten que ser liderada por mulleres. O feminismo e a necesidade da súa visibilización é algo realmente importante”.

A xornalista Diana López, organizadora do evento xunto a Susana Pedreira, explicou que o encontro deste ano “xurde dunha necesidade das ponentes que acudiron o ano pasado de atopar un espazo onde as mulleres poidan visibilizar o seu traballo, e tamén da necesidade que tiña o público de atoparse con estas profesionais, poder escoitalas e poder falar con elas”. Amais, López Varela tamén lembrou como naceu a idea, explicando que “foi en 2017 que xurdiu a iniciativa, para manifestarnos en contra daquel cartel do Congreso Capital do Columnismo que ía acoller León no que todos os participantes eran homes. Finalmente os organizadores rectificaron pero tan só invitaron a cinco mulleres dos vinte cinco xornalistas que participaron no evento”. Neste eido, Susana Pedreira, resaltou que a realización do foro “se fixo tomando nota das suxestións do público, que quería que se abordase o feminismo dende distintos puntos de vista, como dende a perspectiva das mulleres negras ou do xornalismo deportivo, entre outros”.

O “II Encontro de Mulleres Columnistas: as mulleres que opinan son perigosas” reunirá en Pontevedra a 15 xornalistas de relevancia que entre todas suman preto de medio millón de seguidores en Twitter. En concreto, as participantes son: Chus Gómez, Lorena G. Maldonado, María Xosé Porteiro, Gemma Herrero, Carmen Magdaleno, Ana Requena Aguilar, Ana Romaní, Pepa Bueno, Irene Bascoy, Lucía Mbomio, Tati Moyano, Tareixa Navaza, Teresa Lozano e Zúa Méndez (Towanda Rebels), e Marta Sanz.

A entrada para todas as charlas do encontro será libre ata completar aforo pero aquelas persoas interesadas en garantirse unha butaca poderán facer a súa reserva a través da web da Deputación de Pontevedra (https://www.depo.gal/escola-de-igualdade-maria-vinyals/foro-as-mulleres-que-opinan-son-perigosas).

Deja un comentario