+034 986 09 02 04 Venres 23 de Agosto de 2019

A AMPLIACIÓN DUN CAMIÑO MUNICIPAL NA FRAGA FAI POSIBLE A REHABILITACIÓN DE TRES VIVENDAS


Os traballos acaban co illamento dunha zona que non era accesible en coche

O Concello de Ponte Caldelas está ampliando un camiño no lugar da Fraga, acabando así co illamento dunha zona na que atópanse tres vivendas abandonadas e que, agora, despois da esta actuación municipal, van ser rehabilitadas.
O Goberno local (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) está a executar a ampliación retranqueando un tramo de máis de 200 metros de muro de cantería. Deste xeito estase a gañar entre metro e medio e dous metros de ancho, máis que suficiente para o paso de case todo tipo de vehículos.
O antigo camiño de carros, que morre pouco despois da última das casas, nin sequera facía posible o paso dun turismo, polo que trátase dunha mellora apreciable e que xa está a ser moi valorada pola veciñanza.
O Concello subliña a utilidade desta obra, pois fomenta o desenvolvemento do rural, creando as condicións que permitan a rehabilitación de fermosas casas de pedra que forman parte do patrimonio arquitectónico do municipio. A estratexia de fixar poboación no rural, afirma o alcalde, Andrés Díaz, non é posible se non se fan os investimentos necesarios para dotar duns servizos axeitados aos seus habitantes.
Por outra banda, a obra garante a seguridade ao proporcionar uns accesos con dimensións axeitadas para o paso dos vehículos de emerxencias. Ao longo deste mandato municipal xa foron varios os camiños de distintas zonas rurais que foron ou están a ser ampliados por este motivo.
Unha vez máis, o Goberno municipal agradece a colaboración veciñal, pois doutro xeito sería imposible acometer este tipo de actuacións. Non son obras fáciles, explica o alcalde, porque esixen un cambio de mentalidade popular, facilitando as cesións dos terreos. Unha cuestión que mesmo é obrigada, pois a lexislación urbanística galega actual obriga a ampliar e a separar as novas construcións das beiras dos camiños.

Deja un comentario