+034 986 09 02 04 Sábado 14 de Decembro de 2019

PONTE CALDELAS REABRE AO TRÁFICO A PRAZA DE ESPAÑA E REORGANIZA A CIRCULACIÓN NO CENTRO


As rúas afectadas quedarán sinalizadas con pintura amarela ata o asfaltado integral e construción dunha nova rotonda fronte ao colexio

O centro urbano de Ponte Caldelas pon fin ás restricións circulatorias derivadas das obras da praza de España e da avenida de Vigo. O próximo martes, día 19, reábrese ao tráfico rodado todo este espazo de convivencia entre vehículos e peóns. Ao mesmo tempo, estrea unha lixeira reorganización que mellorará o tráfico e o aparcamento no centro urbano.
Os cambios quedarán sinalizados cunha sinalización horizontal provisoria, ata que nas próximas semanas se complete o asfaltado integral das rúas afectadas. Ata entón quedarán pintadas con marcas amarelas.
Os sentidos de circulación quedan case como estaban antes das obras coa excepción de que a avenida de Vigo (só no tramo da praza de España) pasa a dirección única cara o cruce da farmacia (avenida de Pontevedra). Deste xeito, a praza de España recupera a saída da avenida de Marín, que estivo cortada polas obras estes últimos meses.
Pola súa banda, a rúa de Concepción Arenal recupera o sentido único de baixada, polo que terá aparcamentos en liña a ambos lados. No espazo fronte ao colexio Cordo Boullosa quedará pintada a nova rotonda que, en poucas semanas, instalarase para organizar o tráfico. A rotonda estará presidida pola fonte do chafarís que estaba nos antigos xardíns de Carballal. Todo este amplo espazo entre o colexio e o parque infantil vai ser obxecto dunha reordenación importante, pois os autobuses escolares pasarán a aparcar na subida ao Instituto e só pararán na porta do colexio nas horas de entrada e saída. Mellórase así a seguridade viaria e gáñase todo o frontal do colexio para aparcamento en batería.
Finalmente, a rúa de Rosalía de Castro (lateral do parque infantil) pasa a ter dirección única cara a avenida de Vigo. Isto permite que o aparcamento en liña actual pase a converterse en aparcamento en batería, con maior capacidade.
Con estes cambios, que apenas afectan aos sentidos de circulación, o centro de Ponte Caldelas disporá dunhas 50 prazas de aparcamento, principalmente en batería, o que supón un incremento case ao dobre da capacidade existente antes das obras. Só con esta medida queda compensada a perda de aparcamento derivada das obras da praza de España, onde había espazo para o aparcamento regulamentario duns 25 vehículos.
O asfaltado integral de toda a zona, coa construción da nova rotonda, vaise realizar en poucas semanas, co que queda así concluída a reforma urbana realizada no centro da localidade.
Finalmente, está previsto que a praza de España e a nova fonte lúdica situada fronte á Alameda sexan inauguradas a principios de marzo nun acto en cuxa organización xa está traballando o equipo de goberno (PSdeG-PSOE, AVP e BNG).

Deja un comentario