+034 986 09 02 04 Domingo 15 de Decembro de 2019

A XUNTA INVISTE 680.000 EUROS EN MELLORAR A SEGURIDADE VIARIA ENTRE PONTECALDELAS E SOUTOMAIOR


En total renovaranse máis de 12 quilómetros de firme en tres viarios
A Xunta de Galicia comezou esta semana cos traballos de mellora na seguridade viaria da PO-244 ao seu paso polo concello de Soutomaior. A actuación foi visitada esta mañá polo alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, o delegado da Xunta de Galicia en Vigo, Ignacio López-Chaves, e o xefe territorial de infraestruturas, José Luis Díez. Os traballos contan cun orzamento total de 680.000 euros que será financiado exclusivamente pola Xunta de Galicia.
A actuación ten como principal obxectivo proporcionar unha mellora na seguridade viaria na estrada que une os municipios de Pontecaldelas e Soutomaior mediante a renovación do firme e a instalación dunha nova capa de rodaxe. Do mesmo xeito, tamén se renovará por completo o asfaltado nas travesías de Silvoso e Soutomaior. En total, entre os tres viarios, a mellora comporta a renovación de 12,6 quilómetros de estrada, desde Pontecaldelas ata a rotonda do Colexio Apóstolo Santiago.
O prazo de finalización dos traballos dependerá das condicións meteorolóxicas xa que, tal e como indican desde a Consellería, son necesarios 7 días consecutivos cunha temperatura superior aos 15 graos para a correcta aplicación do novo aglomerado. “Cos medios actuais avanzamos uns dous quilómetros diarios, co que necesitamos polo menos unha semana de bo tempo para finalizar os traballos”, destacou Díez, que afirmou que se as condicións permíteno “deberán estar terminados a finais de marzo”.
Humanización da rúa Alexandre Bóveda
A renovación do firme na PO-244, segundo indicou Reguera, “completa os traballos humanización na rúa Alexandre Bóveda que comezarán nas próximas semanas e cos que melloraremos as marxes de todo o viario, facéndoos máis cómodos e estéticos para os veciños”. Os traballos de humanización comprenden a reposición de varios muros e lindes ao longo de toda a rúa ademais de labores de limpeza nas marxes dos solares con saída directa á estrada.

Deja un comentario