+034 986 09 02 04 Mércores 13 de Novembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN ADXUDICA A REFORMA DA ESTRADA PROVINCIAL EP-7201 CACHAFEIRO-SILLEDA


O deputado Uxío Benítez explica que as obras comezarán de xeito inminente e deberán estar listas para primeiros do outono

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra adxudicará este venres de forma oficial as obras de rehabilitación integral do firme da estrada provincial EP-7201 Cachafeiro-Silleda, nos concellos de Forcarei e Silleda, á empresa ‘Construcciones Taboada y Ramos SL’. Segundo explica o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, impulsor da actuación, as obras poderán iniciarse de maneira inminente logo da formalización do contrato e da presentación da documentación e a acta de replantexamento do proxecto.
A actuación nesta estrada provincial tiña un orzamento de licitación de 453.104,89 euros que finalmente foi rebaixado ata os 335.070,78 euros coa oferta de ‘Taboada y Ramos’, que competía con outras oito firmas construtoras. O prazo de execución é de catro meses, polo que se non se producen complicacións no terreo a obra debería estar lista a primeiros de outono.
O obxectivo deste proxecto, segundo explica Benítez, é mellorar a seguranza viaria e peonil nun treito que abrangue dende o punto quilométrico 0+840 ata o 22+580. As obras mellorarán a plataforma da vía coa pavimentación da traza existente: levantarase todo o firme actual en mal estado, e aplicaranse diferentes emulsións asfálticas, regos de adherencia, mesturas bituminosas e microaglomerados que garantirán a seguridade da nova plataforma. Así mesmo, mellorarase a drenaxe da estrada, instalando tubaxes nas correspondentes beiravías. Por último realizarase o pintado das marcas de sinalización horizontal (liñas lonxitudinais, cebreados, símbolos e frechas, entre outros).
O deputado de Mobilidade explica que os datos do último estudio de aforos realizado pola Deputación revelan que a EP-7201 presenta un tráfico medio duns 1.500 vehículos: no aforo realizado no primeiro treito da vía (entre Cachafeiro e a EP-6501 Grava-Escuadro), concretamente no punto 3+300, a intensidade media diaria ascendía a 1.138 vehículos, mentres que no segundo treito (entre a EP-6501 e Silleda), no PQ 22+000, o número medio de vehículos por día foi de 2.058.

Deja un comentario