+034 986 09 02 04 Martes 19 de Novembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A CONSTRUTORA ‘MISTURAS SA’ REALIZARÁ A REHABILITACIÓN DO FIRME DE SEIS QUILÓMETROS DA ESTRADA PROVINCIAL EP-6104 EN DOZÓN


O deputado Uxío Benítez explica que as obras, que mellorarán o firme nun treito de seis quilómetros, teñen un prazo de execución de catro meses

O departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra vai poñer en marcha de maneira inminente os traballos de rehabilitación do firme de case seis quilómetros da estrada provincial EP-6104 Castro-Dozón-Saa-A Rocha dentro do concello de Dozón. Segundo explica o deputado Uxío Benítez, a Xunta de Goberno provincial vai aprobar este venres de forma oficial a adxudicación dos traballos á construtora ‘Misturas SA’ por presentar a mellor oferta técnica e económica das sete recollidas.
Ábrese agora o prazo para asinar o contrato, entregar a documentación e presentar a acta de replantexamento dos traballos por parte firma adxudicataria. A intención é que a obra comece de maneira inmediata logo de solucionar os últimos trámites administrativos e que o prazo de execución dure catro meses. A actuación finalmente realizarase por un orzamento de 168.047,22 euros.
Este proxecto mellorará a seguranza viaria e peonil da estrada provincial pavimentando a traza existente en case seis quilómetros de vía, dende o punto quilométrico 0+000 ata o 5+900. Levantarase todo o firme actual en mal estado, e aplicaranse diferentes emulsións asfálticas, regos de adherencia, mesturas bituminosas e microaglomerados que garantirán a seguridade da nova plataforma.
Tamén se mellorará a drenaxe da estrada, instalando tubaxes nas correspondentes beiravías para evitar que as augas de chuvia ou escorrentías creen balsas na calzada. Por último realizarase o pintado das marcas de sinalización horizontal (liñas lonxitudinais, cebreados, símbolos e frechas, entre outros) co fin de mellorar a visibilidade da traza da vía para as persoas condutoras, sobre todo en días de néboa e chuvia.
Os datos dun estudio de aforos realizado pola Deputación revelan que a EP-6104 presenta un tráfico medio duns 438 vehículos. No punto quilométrico 0+700 detectouse o paso de 388 vehículos lixeiros e 50 pesados, habendo un reparto de sentidos de 52-48 e unha velocidade media de 64 quilómetros/hora.

Deja un comentario