+034 986 09 02 04 Sábado 07 de Decembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN CELEBRA EN AS NEVES UN OBRADOIRO DE PARTICIPACIÓN CIDADÁ PARA A ELABORACIÓN DO PLAN DE MOBILIDADE TRANSFRONTEIRIZA


A convocatoria está dirixida a todas as persoas e colectivos interesados da contorna, especialmente asociacións de veciñanza, ecoloxismo, comercio, consumo, centros educativos e mobilidade reducida

Así mesmo, ponse a disposición unha enquisa online en www.plandemobilidade.com/minho

 

O plan de mobilidade sustentable do río Miño Transfronteirizo, unha das principais accións do proxecto europeo Smart Minho, liderado pola Deputación de Pontevedra, organiza este xoves 21 de febreiro en As Neves un obradoiro de participación cidadá, dirixido a persoas e colectivos interesados da zona interior da fronteira, no que se recollerán propostas e suxestións e analizarán as problemáticas relacionadas coa mobilidade na zona transfronteiriza.

O obradoiro, que terá unha duración aproximada de unha hora e media, celebrarase na Casa da Xuventude de As Neves, situada na rúa Entrecines 10, ás 19:30 horas. A convocatoria está dirixida a colectivos, entidades e persoas interesadas dos municipios galegos e portugueses da contorna, especialmente ás asociacións de veciñanza, ecoloxismo, comercio, consumo, centros educativos, diversidade funcional e colectivos con mobilidade reducida.

As persoas interesadas que non poidan asistir ao obradoiro poderán participar igualmente cubrindo de xeito sinxelo unha enquisa online no enderezo web: www.plandemobilidade.com/minho.

Neste primeiro encontro analizarase a mobilidade nos municipios de A Cañiza, Arbo, Arcos de Valdevez, As Neves, Crecente, Covelo, Melgaço, Monçao, Mondariz, Mondariz Balneario, Salvaterra e Ponte da Barca. O vindeiro 28 de febreiro en Valença, celebrarase un segundo obradoiro dirixido aos restantes municipios que conforman o territorio transfronteirizo.

O PMST é unha das principais accións do proxecto de cooperación transfronteiriza Smart Minho, que busca planificar un modelo de mobilidade e accesibilidade, entre as eurocidades do Minho, orientado á mellora da calidade de vida das persoas, a seguridade vial e respectuoso co medio ambiente. Para tal finalidade, é imprescindible contar coa participación de todas as institucións e axentes implicados no territorio para poder compartir opinións e suxestións sobre mobilidade neste espazo compartido.

O estudo abrangue máis de 3.300 km2 de territorio, inclúe a 26 municipios galegos e portugueses, e a unha poboación de ao redor de 376.000. Unha vez recompilada e analizada toda a información obtida a través das enquisas e obradoiros, poderanse extraer as primeiras conclusións e establecer unha visión global do conxunto da mobilidade na área do río Miño transfronteirizo, cunha proposta de accións piloto lista para desenvolver no inmediato.

O plan de mobilidade sustentable do río Miño transfronteirizo enmárcase dentro do proxecto Smart Minho a través do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2014-2020 (INTERREG V-A) e está cofinanciado ao 75 % por fondos FEDER, cun orzamento total de 942.022,47 euros.

Deja un comentario