+034 986 09 02 04 Domingo 17 de Novembro de 2019

MEDIO RURAL E OS CONCELLOS IMPLICADOS AVANZAN NOS TRABALLOS PREVIOS DA PARCELARIA DE HERBÓN SUR-PONTECESURES


José González explicou aos rexedores as diferentes figuras que manexa a consellería para mobilizar terras en desuso e favorecer o seu aproveitamento

O conselleiro do Medio Rural, José González, reuniuse cos alcaldes de Padrón, Antonio Fernández, e de Pontecesures, Juan Manuel Vidal, para avanzar nos traballos previos de estudo e avaliación da reestruturación parcelaria de Herbón Sur-Pontecesures. Na xuntanza, na que tamén participou o director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, abordouse a situación actual e as previsións en relación con este proceso.

O conselleiro informou aos alcaldes do inicio dos trámites preceptivos relacionados co estudo de impacto ambiental, así como coas análises previas que cómpre facer, de acordo coa normativa, para determinar a idoneidade dos terreos.

Neste caso, a realización da reestruturación responde a unha petición dos veciños e sería a primeira inter-provincial, xa que abrangue terreos da Coruña, correspondentes ao municipio de Padrón, e de Pontevedra, situados no concello de Pontecesures. A zona ten en total unhas 400 hectáreas, das cales aproximadamente dous terzos están en Padrón e o resto en Pontecesures. Un 65% da superficie é forestal e o 35% restante agrario, dedicado á produción de horta, fundamentalmente pemento e viñedo.

Neste contexto, José González e Miguel Pérez Dubois explicaron aos rexedores as diferentes figuras que manexa a consellería para mobilizar terras en desuso e favorecer o seu aproveitamento. Esta é unha información de especial interese para estas zonas, de ambos concellos, cunha importante vocación agraria e que teñen nos produtos da horta e no pemento de Herbón, amparado por unha denominación de orixe protexida, unha referencia fundamental.

Deja un comentario