+034 986 09 02 04 Xoves 14 de Novembro de 2019

A SECRETARÍA XERAL PARA O DEPORTE EXECUTARÁ OBRAS NA PROVINCIA DE PONTEVEDRA POR IMPORTE DE 1,35 MILLÓNS DE EUROS AO LONGO DO EXERCICIO DE 2019


 A participación da Secretaría Xeral para o Deporte nestas obras será de ao redor de medio millón de euros

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, visitou esta mañá os concellos pontevedreses de Pontecesures e Soutomaior para visitar algunhas as infraestruturas que serán obxecto de reforma ao longo deste 2019. En total, a provincia de Pontevedra verase beneficiada por obras que alcanzarán os 1,35 millóns de euros e nas que participará a Secretaría Xeral para o Deporte a través dunha achega de ao redor de medio millón de euros.

No caso da vila cesureña, José Ramón Lete Lasa, acompañado polo alcalde, José Manuel Vidal Soage, visitou o Club Náutico Pontecesures. Alí anunciou a sinatura inminente dun convenio de colaboración que permitirá redactar o proxecto de reforma das instalacións e arrancar canto antes a ampliación do ximnasio, hangar de embarcacións e garaxe, vestiarios, así como a reparación da cuberta exterior do ximnasio e solucionar diversos problemas de climatización, ventilación ou humidades.

Nas súas verbas, o secretario xeral destacou a fonda tradición do piragüismo en Galicia que se ve reflectido no apoio da Secretaría Xeral para o Deporte aos clubs que en 2018 recibiron un total de 403.629 euros: 235.101 euros por parte da Fundación Deporte Galego a través do plan de patrocinios, outros 75.517 euros a través da orde de axudas a clubs e entidades deportivas e 93.011 euros a través do capítulo VII. Dentro de todos estes equipos, Lete Lasa destacou ao Club Náutico Pontecesures tanto pola súa historia como pola súa actividade, que xunta un total de 211 licenzas, e dentro da que manifesta un decidido apoio ao deporte de base.

En consonancia con esta importancia do club, o mandatario galego destacou as axudas recibidas polo Club Náutico Pontecesures en 2018 a través das axudas a clubs e entidades (3.467 euros), a través da orde de equipamentos, que representa o 50% do custo das embarcacións C1, C4e K1 adquiridas (4.305 euros), así como a tenor do plan de patrocinios da Fundación Deporte Galego (13.164 euros).

Na súa visita a Soutomaior, o máximo responsable do Deporte galego, acompañado polo alcalde, Agustín Reguera, achegouse ao complexo deportivo integrado de Montesiña que puxo como exemplo da aposta e do traballo do concello en prol da vida activa e saudable dos seus veciños. Alí, comprobou o estado das pistas de pádel que a Secretaría Xeral para o Deporte reformará neste 2019 cambiando nunha delas as paredes de cemento por cristal.

A Secretaría Xeral para o Deporte realiza unha aposta decidida neste 2019 polas infraestruturas deportivas. Nos orzamentos iniciais de 2018 destinábanse un total de 2.833.043 euros para a construción e a mellora das infraestruturas deportivas de Galicia Para o exercicio 2019, a Secretaría Xeral para o Deporte destinará unha contía de 4.184.217 euros -un 47% máis que o destinado inicialmente en 2018-.

Deja un comentario