+034 986 09 02 04 Luns 11 de Novembro de 2019

PRETO DE 2000 PERSOAS DESFILARÁN O PROXIMO SÁBADO 9 DE MARZO NO ENTERRO DA LAMPREA


O Concello de Salvaterra de Miño pecha as inscricións do Enterro da Lamprea 2019 coa participación de 19 carrozas e preto de 2.000 persoas desfilando polas rúas da vila.
Un desfile que arrancou no ano 2007 e que ano a ano foise consolidando, sendo a día de hoxe un evento de referencia na comarca, onde acoden comparsas de toda a contorna. Este ano veñen dende Salvaterra, Salceda, Tui, Mos, Ponteareas, Porriño , As Neves e Nigrán para facer as ledicias de todas a persoas que se deprazan a Salvaterra para desfrutar da festa do Entroido. Un entroido que tamén da a oportunidade de participar sen formar parte de ningunha carroza ou comparsa, a través da comitiva da defunta lamprea, formando parte dese grupo de choronas que fan o percorrido dándolle o último adeus a defunta, a esa lamprea símbolo tamén da riqueza gastronómica do noso municipio.
O desfile arranca ás 17.00h do sábado 9 de marzo, percorrerá diversas rúas da vila e rematará na Praza do Concello, onde se dará lectura ao testamento e se queimará a Lamprea.
Ademais de moita diversión todos os asistentes poderán desfrutar dun chocolate quente, que un ano mais tamén terá en conta as intolerancias, ofrecendo chocolate sen gluten.
Así que xa sabes, esperámoste o próximo sábado en Salvaterra de Miño!!

Deja un comentario