+034 986 09 02 04 Venres 24 de Maio de 2019

O CINE CLUB PONTEVEDRA ESTRÉASE COMO NOVA SEDE DA PROGRAMACIÓN EXTERNA DO CENTRO GALEGO DE ARTES DA IMAXE


Incorpórase aos cineclubs de Lugo, Ourense e Vigo, extensións da Filmoteca de Galicia fóra da Coruña que sumaron o pasado ano 2965 espectadores

A cidade de Pontevedra estréase este mes como sede da programación do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) grazas á colaboración entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e o Cine Club Pontevedra. Esta será a cuarta extensión territorial da carteleira do CGAI que, ademais de na súa sala de proxeccións da Coruña, ofrece sesións coordinadas cos cineclubs de Lugo, Ourense e Vigo.

O director da Agadic, Jacobo Sutil, e o presidente do Cine Club Pontevedra, Ramón Poza, presentaron hoxe o contido desta cooperación na Casa das Campás, acompañados da concelleira de Cultura, Carme Fouces. Trátase, como detallou Sutil, dunha iniciativa que se desenvolverá de acordo co convenio de colaboración asinado o pasado 25 de febreiro entre ambas as entidades e a través da que se busca descentralizar e amplificar a distribución da coidada programación cinéfila que deseña o CGAI cada bimestre.

Neste sentido, cifrou en 2965 o número de espectadores que o pasado 2018 acudiron a algunha das proxeccións que a filmoteca galega promoveu nesta rede de pantallas fóra da súa sede da Coruña.

En canto á organización práctica, Jacobo Sutil explicou que os títulos son seleccionados polo CGAI atendendo ás suxestións de cada Cine Club, en tanto que a Agadic asume a adquisición dos dereitos de emisión das producións, así como os custos dos traslados ocasionados para o correcto desenvolvemento do programa.

Apertura con cinema nipón
O Teatro Principal, espazo municipal que desenvolve a programación regular do cineclub, acollerá esta extensión, que arrancará a vindeira semana cun ciclo dedicado ao xaponés Kenji Mizoguchi. Trátase dun dos directores máis celebrados do cine clásico nipón, á altura de Akira Kurosawa e Yasujiro Ozu, quen destacou por retratar á perfección as tradicións do seu país e por desenvolver complexos retratos de mulleres adiantados ao seu tempo.

A primeira sesión desta escolma, que xa se puido ver na Coruña a primeiros de ano, terá lugar o 13 de marzo coa proxección de Cuentos de la luna pálida, cumio do cine fantástico, no que Mizoguchi retrata a cobiza dun simple campesiño que se ve tentado polas argucias dunha sedutora princesa pantasma, interpretada maxistralmente por Machiko Kyô. O seu personaxe da señorita Wakasa está considerado como un dos máis icónicos do cine xaponés e mundial.

Outra muller complexa é Osan, á que lle dá vida Kyôko Kagawa en Los amantes crucificados (27 de marzo), un dos melodramas máis aplaudidos deste realizador, que se centra nunha historia de amor imposible ambientada no século XVI. A mesma actriz interpreta a Anju en El intendente Sansho (3 de abril). Vendida como escrava xunto ao seu irmán Zuzhiô, xuntos loitarán por escapar das garras do malvado intendente na que pode que sexa a película mellor valorada de Mizoguchi, pola que obtivo o León de Prata no festival de Venecia e conseguiu fama mundial.

En Pontevedra, o ciclo péchase con La calle de la vergüenza (10 de abril), última cinta de Mizoguchi, que presenta aquí un descarnado retrato sobre a prostitución, tema que o obsesionaba e que resulta recorrente na súa obra por mor da traumática experiencia persoal que lle supuxo a venda da súa irma a unha casa de geishas. Esa fita destaca tamén por ser unha das máis modernas dentro da súa linguaxe cinematográfica e por facer gala dun inusitado realismo.

A extensión cinematográfica do CGAI no Teatro Principal de Pontevedra desenvolverase inicialmente dous mércores de cada mes, con sesións ás 20,30 h. A entrada será de balde para os socios do cineclub e de 2 euros para o resto do público.

Deja un comentario