+034 986 09 02 04 Domingo 27 de Setembro de 2020

Cores Tourís comprobou as actuacións levadas a cabo polo concello de Cotobade grazas ás axudas do Fondo de Compensación Ambiental


Os traballos, levados a cabo cun orzamento de máis de 18.600 euros, executáronse a través dunha subvención da Consellería de Presidencia

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou en Cotobade o remate das obras de mellora dos depósitos de abastecemento da traída de augas da comunidade de Os Picóns, en Borela, acompañado polo alcalde do municipio, Jorge Cubela.

Esta obras supuxeron un investimento de máis de 18.600 euros sufragados grazas á Consellería de Presidencia, a través do Fondo de Compensación Ambiental procedente do canon eólico na liña competitiva.

Tal e como explicaron os responsables da comunidade de aguas de Os Picóns, esta agrupación leva xestionando o uso da auga captada no lugar de Penacadeira-Picóns, na parroquia de Borela, dende 1986. Un ano antes realizouse o acondicionamento dun manancial captado en galería e solicitouse a súa inscrición no Rexistro de Pozos e Manacias de Economía e Industria. A finalidade da comunidade é a captación e distribución de auga para os lugares de A Costa, A Brea e A Senra, xa que estas zonas non teñen abastecemento de augas municipal. A distribución da auga realízase por gravidade, con depósitos individuais para cada comunero e a rede de tubaxes necesarias para a distribución de auga.

Esta comunidade conta cun total de 30 comuneiros, e un número total de 79 veciños.

No caso deste concello, estas obras supuxeron a execución a mellora destas instalacións que contan cun sistema de captación, dous depósitos e as tubaxes de distribución. En concreto, actuouse sobre o depósito xeral da comunidade, desmontándose os tubos anteriores, instalando e anexionando 3 depósitos temproais e eliminando as arquetas de reparto.
Na visita, o delegado territorial indicou que o fondo resulta un beneficio para as arcas municipais e, por ende, para todos os veciños, xa que está destinado a financiar iniciativas de mellora do medio ambiente. Neste sentido, Cores Tourís recordou que a convocatoria de 2014 supuxo un investimento de 9 millóns de euros, dos cales 1,2 corresponderon a concellos da provincia de Pontevedra, 306.600 na liña competitiva e 887.000 á non competitiva.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra tamén destacou que o Fondo de Compensación Ambiental foi unha iniciativa posta en marcha en 2010 polo Goberno galego que permitiu por vez primeira aos concellos galegos beneficiarse directamente da explotación de enerxía eólica en Galicia; posto que se financia a través do canon eólico. “Esta liña de axudas permite aos concellos sufragar actuacións que revistan natureza produtiva e xeradora de emprego”, engadiu Cores Tourís. Dende que se puxeron en marchas as axudas, máis de 220 concellos de toda Galicia se teñen beneficiado delas; permitindo que os cidadáns sexan beneficiarios directos das explotacións eólicas.
Ademais, este Fondo reflicte o compromiso da Xunta: co medio ambiente -está dirixido a actuacións ambientais-, coas facendas locais, xa que representa un importante ingreso para as arcas municipais; e por último co reequilibrio territorial, xa que a maioría dos concellos beneficiados atópanse en zonas rurais do interior de Galicia.
José Manuel Cores Tourís, destacou tamén a nova orde para 2015, a través da que se destinarán 8,3 millón de euros a desenvolver proxectos relacionados coa recuperación mediambiental do territorio galego; en ámbitos tan importantes como a mellora do saneamento e depuración de augas residuais, abastecemento dos suministros de auga potable, eficiencia enerxética, recuperación de espazos naturais ou dotación de medios materiais e humanos para a conservación ambiental, entre outras moitas actuacións. “A cantidade que corresponderá á provincia de Pontevedra no eido da liña non competitiva será de 838.961,13 euros para 19 concellos, que, por certo, tamén poderán optar a axudas a través da liña competitiva, como o resto de municipios de Pontevedra”, explicou Cores Tourís.

Os concellos que contan con liña non competitiva na provincia son Agolada, Arbo, Caldas de Reis, A Cañiza, Catoira, Cerdedo, Cotobade, Covelo, Cuntis, A Estrada, Forcarei, Fornelos de Montes, Lalín, A Lama, As Neves, Rodeiro, Silleda, Vila de Cruces e Vilagarcía de Arousa.

Deste xeito, a orde inclúe dúas liñas de axudas diferenciadas. A liña en concorrencia non competitiva está destinada a aqueles concellos que albergan no seu territorio instalacións de aproveitamento eólico e conta cun orzamento de 6,6 millóns de euros. Pola súa banda, á liña competitiva poderán optar a totalidade das entidades locais galegas que presenten proxectos medioambientais axustados á convocatoria. Esta liña é de 1,7 millóns de euros.

Deja un comentario