+034 986 09 02 04 Luns 06 de Xullo de 2020

COA CAMPAÑA “FAME DE EXPERIENCIAS” A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA LEVA A EXCELENCIA DOS PRODUTOS DAS RÍAS BAIXAS ATA O FÓRUM GASTRONÓMICO DA CORUÑA


Carmela Silva fixo fincapé “no noso produto e na nosa riqueza gastronómica, a do mar e a da terra, moi presentes no noso stand, como as nosas estrelas Michelín e os soles Repsol”

Xunto a produtoras e produtores da provincia, a Deputación ofrece cada hora elaboracións enogastronómicas en vivo poñendo en valor o produto

“O Fórum Gastronómico amosa a potencia da cociña en Galicia e a nosa provincia ten que estar aquí porque este ano centramos a nosa promoción turística na enogastronomía e nas Rías Baixas temos grandes produtos e grandes produtoras e produtores que fan que a provincia de Pontevedra teña moito que ofrecer”. Así presentou a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, a campaña “Fame de Experiencias” no stand que a institución provincial ten no Fórum Gastronómico da Coruña, durante estes tres días de celebración do evento . Silva estivo acompañada pola dirección do Forum, o deputado provincial de Turismo, Santos Héctor; polo alcalde de Lalín, Rafael Cuíña; polo presidente do Clúster do Turismo, Cesáreo González; ademais de polo chef Alejandro Martínez, encargado da elaboración de produtos con distintas bases temáticas no stand da Deputación.

A presidenta provincial resaltou que o stand “amosa e fai fincapé no noso produto, pero tamén toda a nosa riqueza gastronómica, dende a cociña tradicional pasando pola cociña de vangarda con estrelas Michelín e Soles Repsol e con cociñeiros e cociñeiras que xa son toda unha referencia en Galicia, en España, en Europa e no mundo”. Silva aproveitou ademais para salientar que “este ano o Fórum Gastronómico é o das mulleres. Aquí este ano hai máis mulleres que homes porque as mulleres estamos ocupando todos os espazos, e dende logo no sector da gastronomía e da enogastronomía, teñen un claro expoñente as mulleres. Eu estou encantada de que así sexa”.

Carmela Silva convidou a toda a xente “de Galicia, de España e de todos os recunchos de Europa que veñan ás Rías Baixas , que veñan coñecer toda a nosa potencialidade, o noso produto do mar e da terra, os nosos viños, tamén as nosas cervexas e sidras… A verdade é que é un orgullo ser presidenta dunha provincia con toda esta riqueza enogastronómica”. Agradeceu ademais aos produtores e produtoras da provincia, cunha importante representación no Fórum, “o bo traballo que realizan e o compromiso pola excelencia que mostrades en todo o que facedes”.

A presidenta provincial participou na elaboración que, a mediodía, se centrou na temática da mazá, na que se realizaron “strudel de mazá e pasas con xarope de sidra” e “mazá asada con manteiga natural”. Como outros exemplos tamén, en febreiro resáltase o cocido, coas elaboracións de ”tempura de cocido espuma de pataca e crocante de grelo” e “bocado de cacheira e grelo”, ou en xullo a sardiña con “milfollas de sardiña, tomate deshidratado e cebola caramelizada” e “degustación de sardiña con cebola morada”.

No stand da Deputación de Pontevedra fanse cada hora distintas elaboracións en vivo con pratos inspirados nos mellores produtos de temporada das Rías Baixas, correspondentes aos doce meses do ano e inspirados na caixa da campaña “Fame de Experiencias” que cada mes resalta un produto. O público pode degustar estas elaboracións, preparadas por persoal de establecementos provinciais con selo SICTED.

Ademais de participar na degustación dos produtos da provincia, a presidenta da Deputación de Pontevedra tamén percorreu os stands das produtoras e produtores das Rías Baixas presentes no Fórum Gastronómico. Entre outros, coñeceu o traballo de “Amorodos Conservas”, onde todas son mulleres; o stand de Lalín ou a cooperativa Cobideza. Carmela Silva accedeu ademais ás cociñas do Fórum Gastronómico onde están presentes cociñeiros e cociñeiras da provincia dos restaurantes con Estrela Michelín. Cómpre destacar tamén que hai dous candidatos ao premio Cociñeiro 2019 Fórum, que son Adrián Fuentes e Víctor Fernández.

Deja un comentario