+034 986 09 02 04 Venres 06 de Decembro de 2019

O CONCELLO DE NIGRÁN OFRECE ESTE VENRES NO AUDITORIO MUNICIPAL O DOCUMENTAL GALEGO ‘A VIAXE DE RUTH’ COA PRENSENZA DOS SEUS DIRECTORES


Narra o periplo da fotógrafa americana Ruth Matilda Anderson por Galicia entre os anos 1924-1926. O traballo de Jaime Pardo e Xosé Reigosa levou o premio ao mellor documental na Semana Internacional do Cine de autor de Lugo
O Auditorio Municipal acolle ata o 31 de marzo a exposición fotográfica ‘Unha mirada de antano. Fotografías de Ruth Matilda Anderson’
Nigrán, 13/03/19.- O Concello de Nigrán ofrece este venres ás 19:00 horas no Auditorio Municipal a proxección do documental galego ‘A viaxe de Ruth’, dos directores Jaime Pardo e Xosé Reigosa, que estarán presentes para un coloquio posterior cos asistentes. A proxección, que se encadra na programación do Concello polo ‘Mes da Muller’, coincide precisamente coa presenza no Auditorio Municipal ata o 31 de marzo da exposición ‘Unha mirada de antano. Fotografías de Ruth Matilda Anderson’. A fotógrafa tomou durante a súa estancia en Galicia unhas 5.500 imaxes, dunha gran calidade, o que a xuízo de moitos entendidos, non ten parangón con ningún traballo da época.
O documental, de 52 minutos e estreado en Lugo en septembro de 2018, narra as viaxes a Galicia da fotógrafa americana Ruth Matilda Anderson entre 1924 e 1926 por encargo da Hispanic Society of America, concretamente, na primeira delas desembarca en Vigo acompañada do seu pai, Alfred Theodore, tamén fotógrafo. O traballo trata de rememorar esta viaxe, case 100 anos despois, facendo que un fotógrafo galego, Xosé Reigosa (co-director), percorra algúns dos máis importantes escenarios que ela retratou, tratando onde sexa posible de realizar unha toma similar e comprobando canto cambiou Galicia desde aqueles anos a hoxe. Á parte disto, entrevistan a distintas personalidades do campo da cultura que amplían o coñecemento sobre Ruth Matilda e sobre a Galicia daqueles anos. Tamén se realizan recreacións dos momentos da viaxe coa Asociacion veciñal Liga Santaballesa de Vilalba e a aula de Teatro do Concello de Sarria.
‘A viaxe de Ruth’ obtivo o primeiro premio ao mellor documental na Semana Internacional do Cine de Autor en Lugo no 2018, sendo este o único certame ao que, polo momento, se presentou e este é a primeira vez que se proxecta fora da provincia de Lugo.

Deja un comentario