+034 986 09 02 04 Xoves 18 de Xullo de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

CARMELA SILVA VISITA AS INSTALACIÓNS DO CENTRO DE INVESTIGACIÓNS BIOMÉDICAS DO CAMPUS DE VIGO


A presidenta da Deputación coñeceu de preto o traballo do equipo de África González-Rodríguez, directora do CINBIO e prestixiosa inmunóloga de recoñecemento internacional

A presidenta de Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, visitou as instalacións do Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO) do Campus de Vigo, un prestixioso laboratorio integrado por máis de 200 profesionais do ámbito da saúde que investigan áreas biomédicas únicas en Galicia como son a epixenética, a filoxenia do Cancro ou a inmunoloxía. Durante a súa visita, Silva tamén coñeceu de primeira man o traballo do equipo de investigación que dirixe a directora do CINBIO, África González-Rodríguez, que se centra no estudo de cuestións relativas á resposta inmunitaria e ao desenvolvemento de vacinas.

Máis polo miúdo, durante a súa visita ao centro, cuxo edificio no que está radicado recibe o nome da primeira muller galega licenciada en Medicina, Olimpia Valencia, a presidenta da Deputación quixo enxalzar “o traballo deste talentoso equipo de científicos e de científicas que realizan investigacións e probas coa tecnoloxía máis punteira”. De feito, o CINBIO foi declarado Centro Singular de Investigación de Galicia e vertebra a súa actividade investigadora en cinco áreas principais e tres transversais: Cancro, inmunidade e inflamación, neurociencias, biosaúde e envellecemento activo, obesidade e enfermidades metabólicas e, nun segundo plano, en bioestatística, bioinformática e en novos métodos de prevención, diagnóstico e terapia.

Composto por máis de 200 profesionais da investigación biomédica, dos que 120 son mulleres, o CINBIO é un centro de referencia internacional que vén avalado polas súas publicacións en revistas científicas de alto impacto. Cun total de 163 ata novembro de 2018, a esa cifra hai que sumarlle os publicados en revistas non indexadas, en libros e en capítulos de libros. Ademais, dende o propio centro fixeron fincapé no seu obxectivo de seguir traballando para posicionarse como polo de excelencia na investigación biomédica.

Deja un comentario