+034 986 09 02 04 Xoves 18 de Xullo de 2019

O ALUMNADO DE ATENCIÓN SOCIOSANITARIA DO OBRADOIRO DE EMPREGO FÓRMASE NA PREPARACIÓN DE COCIÑA SAUDABLE


Preténdese formar ás auxiliares para preparar dietas para diferentes patoloxías, baixas en graxas e zucre e aptas para persoas con alerxias

O Obradoiro de Emprego Verdugo-Lérez, promovido polos concellos de Cerdedo-Cotobade e A Lama e financiado pola Xunta con 288.000 euros, acaba de comezar coa formación do alumnado de Atención Sociosanitaria a Persoas en Domicilio en materia de cociña saudable a través dun curso cunha duración de trinta horas.

Deste xeito, preténdese que as dez alumnas saiban preparar dietas adaptadas a diferentes patoloxías que poidan sufrir as persoas usuarias do servizo, a elaboración de pratos baixos en graxas e zucre, a comida para persoas encamadas e a alimentación máis axeitada para persoas con alerxias e intolerancias. Ademais, tamén se lles vai formar en manipulación e conservación de alimentos e en hixiene no lugar de traballo.

O obxectivo destas ensinanzas céntrase en que poidan atender nas mellores condicións aos usuarios do servizo de coidado domiciliario cando realicen as súas prácticas formativas, xa que cómpre sinalar que este Obradoiro de Emprego estréase co formato dual e inclúe unha parte práctica, que servirá para reforzar os servizos públicos e mellorar a súa empregabilidade.

O proxecto, que comezou a finais de novembro e estenderá a súa andaina ata agosto de 2019, permitirá que as vinte persoas participantes acaden unha formación que vén regulada por certificados de profesionalidade e ademais realizarán as prácticas necesarias, tanto neste módulo como no de Xardinaría-Forestal, destinado a arranxar e acondicionar espazos verdes do municipio.

Deja un comentario