+034 986 09 02 04 Xoves 21 de Marzo de 2019

A FEIRA ABANCA SEMANA VERDE E O SEU SALÓN TUREXPO GALICIA, PRESENTES EN LISBOA NA IMPORTANTE CITA TURÍSTICA BTL


A Feira Internacional de Galicia ABANCA participa dende onte ata o vindeiro domingo 17 de marzo na importante cita turística BTL – Bolsa Turismo Lisboa Travel Market.

Este evento portugués, que se celebra dende o ano 1989, conta estes días na súa área expositiva cun stand da entidade feiral no que se está a promocionar a 42ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia e o seu salón turístico Turexpo Galicia. As datas de celebración de ambos certames serán do 6 ao 9 de xuño.

Esta presenza responde ao obxectivo de difundir o salón turístico entre expositores e visitantes. Para isto, ademais da participación con stand, un equipo de traballo está establecendo contacto coas empresas que concorren á BTL para darlles a coñecer a feira galega e tamén participan en distintas actividades de interese para analizar a actualidade e novidades do sector.

Aposta polo crecemento

Con esta e outras accións promocionais a Feira Internacional de Galicia ABANCA busca dar continuidade ao notable crecemento que vén experimentado Turexpo Galicia e que no último ano se reflectiu na presenza dun 49% máis de expositores, un 27% máis de superficie e case un 6% máis de reunións de negocio na súa recoñecida Bolsa de Contratación Turística. Esta propiciou máis de 2.500 encontros entre expositores e 44 turoperadores de 12 países.

Unha positiva evolución que tamén se repite na Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia na que se enmarca este salón turístico, xa que esta emblemática cita rexistrou un 11,4% máis de expositores e unha superficie neta un 14,5% maior.

Turexpo Galicia chega en 2019 á súa novena edición, e volverase a celebrar conxuntamente coa Feira de Festas de Interese Turístico, Festur, a cal acolleu na pasada edición 45 celebracións das catro provincias galegas con este recoñecemento.

Deja un comentario