+034 986 09 02 04 Luns 09 de Decembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

EL PRADO ESCOLLE O MUSEO DE PONTEVEDRA COMO ÚNICA INSTITUCIÓN GALEGA PARA CELEBRAR O SEU BICENTENARIO


O Museo estatal está a conmemorar a efeméride da súa fundación co proxecto ‘De xira por España’, que consiste na cesión dunha obra relevante das súas coleccións a diferentes museos do todo o estado

O Museo de Pontevedra é o único en Galiza que acolle obra cedida polo Museo del Prado con motivo da conmemoración do bicentenario da institución estatal, que baixo o epígrafe ‘De xira por España’ está a expoñer obra relevante das súas coleccións en diferentes museos do Estado español, un por cada comunidade autónoma. Ao abeiro deste proxecto, o cadro cedido ao Museo de Pontevedra é ‘Retrato de un médico’ asinado por El Greco en Toledo cara a 1582-1585. Xunto a esta obra exporanse tamén dúas destacadas versión de obras do artista que desde a década de 1940 custodia o Museo de Pontevedra e que se expoñían no edificio Castro Monteagudo ata que este foi pechado: “A expulsión dos mercadores do templo” e “San Pedro e San Paulo”.
As tres obras poderán verse reunidas na Sala de exposicións temporais número 1 do Sexto Edificio entre o 18 de marzo e o 21 de abril. O acto de apertura que terá lugar o vindeiro luns ás 11:30h estará encabezado pola presidenta da Deputación, Carmela Silva, e polo deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, e contará tamén coa presenza do director do Museo del Prado, Miguel Falomir, e da conservadora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve. “Que un museo de referencia como é El Prado escolla ao Museo de Pontevedra para ser parte desta conmemoración vén dar mostra da relevancia que ten o noso Museo no Estado e da confianza que ofrece o noso persoal técnico cualificado” asegura Xosé Leal ao respecto desta iniciativa. O deputado nacionalista tamén lembra que “a isto hai que engadir a relación histórica entre ambos Museos, que se volverá visibilizar con esta nova colaboración”.
O Museo del Prado cumprirá 200 anos en novembro de 2019 e o proxecto ‘De xira por España’ é unha das iniciativas máis salientables desta conmemoración, ao permitir que parte das xoias artísticas que posúe vaian percorrendo as distintas Comunidades Autónomas. A xoia escollida para expoñer no Museo de Pontevedra é o ‘Retrato dun médico’ de El Greco, unha obra cunha composición que lembra os retratos de intelectuais realizados en Venecia no século XVI, incluíndo o ademán retórico da man dereita. Probablemente se trate dun retrato de Luis Mercado, catedrático e médico da Real Cámara, ou de Rodrigo de la Fuente, un dos médicos máis famosos da época en Toledo –e que aparece en ‘La ilustre fregona’ de Cervantes-.
‘A expulsión dos mercadores do templo’ é unha copia do orixinal de El Greco que se atopa na igrexa de San Ginés de Madrid, datado ao redor de 1610-1614. Pola súa banda, ‘San Pedro e San Paulo’ é unha copia do óleo orixinal que se atopa no Museo da Hermitaxe en San Petersburgo, datado ao redor de 1587-1589, do que existe unha segunda versión autógrafa no Museo Nacional de Estocolmo.

Deja un comentario