+034 986 09 02 04 Domingo 18 de Agosto de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

“RAMONAS ON TOUR” DESBORDA DE FEMINISMO E DE VALORES EN IGUALDADE A VIGUESA PORTA DO SOL


O espectáculo organizado pola Deputación de Pontevedra supera as expectativas co centro de Vigo cheo de escolares, cultura, música e obradoiros de educación igualitaria

Carmela Silva apelou “ao enorme poder transformador da cultura para construír desde o feminismo un mundo mellor. Aquí estamos as mulleres, chegamos para quedarnos”

Música, cultura, obradoiros de educación en igualdade, actividades e concertos protagonizados por mulleres encheron este venres a emblemática Porta do Sol de Vigo que, dende a mañá ata a madrugada, é escenario do novidoso espectáculo “Ramonas on Tour”, unha das iniciativas centrais da Deputación de Pontevedra da extensa axenda deste mes de marzo ao amparo das reivindicacións do 8-M. O espectáculo, que estreouse na cidade viguesa, levará o feminismo por toda a provincia de Pontevedra a través da música rock. De feito o próximo venres chegará á Praza da Ferrería de Pontevedra e despois irá recalando en diferentes concellos da provincia.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, expresou o seu orgullo por esta iniciativa “que pretende achegar a igualdade a rapazas e rapaces para crear un mundo no que as mulleres teñamos as mesmas oportunidades. Somos o 52% da poboación e queremos a metade de todo. Non hai nada mais xusto é lóxico que reivindicar o que nos corresponde”. Silva, que xunto ao alcalde Abel Caballero participou desde a mañá nas actividades co alumnado dos centros escolares, sinalou que “temos que conseguir rachar cos estereotipos, cos tópicos, coas relacións tóxicas que veñen dunha forma de educar ás nenas en submisión coa que temos que rematar”. Con “Ramonas on Tour”, a presidenta provincial apelou “ao enorme poder transformador da cultura para rematar coa invisibilización de mulleres potentísimas ao longo da historia. Espazos como este, sinalou, serven para que salgan do silencio, para facer reflectir á sociedade e á xuventude, e escoitar á xente máis nova para conseguir formación e transformación. Un mundo que merecemos as mulleres e tamén os homes porque ese mundo será mellor para todas e todos”

Ao longo do día a Comandanta Ramona e as herdeiras das mulleres zapatistas son as protagonistas en lembranza da historia das revoltas indíxenas impulsadas por este colectivo de mulleres, xunto ao manifesto “Riot Grrrl!” daquelas mulleres americanas que defendían un mundo mellor. Todo elo inspira o espectáculo de “Ramonas on Tour” que en Vigo conta cunha exposición sobre as mulleres na música, e o obradoiro para o alumnado dos cursos de 3º e 4º da ESO do Colexio Alba no que se abordaron asuntos relativos ás relacións tóxicas e á igualdade. Tanto o alumnado participante no obradoiro, unido a estudantes de varios centros escolares de Vigo, participaron despois no ensaio do concerto da noite, subindo ao escenario coas artistas para probar os instrumentos. Ademais, as integrantes da banda deron un concerto didáctico dedicado a toda a rapazada e no que, tamén, se abordou o papel da muller na industria cultural e, máis concretamente, no eido musical.

O feminismo e a música continuarán a ser protagonistas durante a tarde. Na Porta do Sol escoitaranse as 19.00 horas as voces de mulleres representativas da industria cultural. “Nunca máis sen nosoutras” é o nome do debate no que participarán a música Belén Lamas, a artista gráfica Lupita Hard e a integrante da Asociación 85C, Marcia Vázquez, para reflexionar sobre a presenza da muller na cultura. Finalmente, o broche de ouro chegara ás 10.30 da noite co concerto de música rock, coas reivindicacións de igualdade e cos berros feministas que van a encher o centro da cidade. A este segundo e último espectáculo da xornada ao cargo das Ramonas tamén se sumarán outras artistas convidadas como Linda Lamarr (Belén Lamas), Coral Alonso, Seilaesencia e Area.

Deja un comentario