+034 986 09 02 04 Martes 16 de Xullo de 2019

A XUNTA LICITA A PRIMEIRA FASE DAS OBRAS DA ESTACIÓN DE AUTOBUSES INTERMODAL DE PONTEVEDRA CUN ORZAMENTO DE 2,6 MILLÓNS DE EUROS


As empresas interesadas na realización desta actuación poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 11 de abril

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licita as obras de execución da estación de autobuses intermodal de Pontevedra, cun orzamento autonómico de 2,6 millóns de euros.
As empresas interesadas en realizar esta actuación poden presentar as súas ofertas ata o vindeiro día 11 de abril.
O proxecto do departamento de Infraestruturas da Xunta contempla unha reforma integral da actual estación de autobuses no seu interior e tamén no exterior, tanto sobre a fachada como na cuberta.
Os traballos que se licitan agora perseguen a transformación da actual terminal de autobuses e inclúe a reforma funcional, estética e de eficiencia enerxética. A actuación inclúe a renovación da fachada, cuberta e interiores, a mellora de instalacións e aforro enerxético, así como a mellora dos sistemas de información.
Entre as actuacións no interior, o proxecto prevé a construción dunha nova rampla para cumprir coa accesibilidade e cun percorrido lineal. No andar 0, zona de plataformas, disporase dun novo vestíbulo máis amplo e luminoso, desde o que se terá visión directa sobre o exterior, incluirá melloras de illamento para garantir a eficiencia enerxética.
As intervención no exterior e sobre a fachada incluirán a disposición dun illamento continuo das fachadas existentes e modo de segunda pel, a base de chapa microperforada de aceiro en cor branco para ofrecer un aspecto exterior unitario. Ademais cambiaranse as fiestras, que terán cámara de aire e illamento baixo emisivo.
O proxecto inclúe a adecuación da cuberta, recuperándose a do proxecto orixinal, eliminando da mesma a chapa que se executou en reformas posteriores. E tamén se mellorará o illamento e os acabados e dotarase de luz natural ao interior do edificio.
Esta intervención correspóndese coa primeira fase das actuacións previstas pola Xunta para facilitar a intermodalidade na cidade, que se completarán coa adecuación do conxunto formado polas actuais estacións, de tren e de buses, aproveitando a proximidade existente entre elas.
A licitación das obras de remodelación da estación de autobuses, seguen coa tramitación administrativa regulamentaria establecida no convenio de colaboración asinado o venres pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e o Concello de Pontevedra para a execución do conxunto da estación intermodal de Pontevedra, cun investimento de máis de 6,1 millóns de euros.
O acordo determina o financiamento destas actuacións e as achegas que corresponden a Xunta e Concello. O 75% do custo do conxunto intermodal da cidade de Pontevedra será asumido pola Xunta, cun investimento de 4,6 millóns de euros e o 25% que resta, 1,5 millóns de euros, son asumidos polo Concello de Pontevedra.
O documento tamén concreta a achega de cada unha das partes a cada proxecto obxecto do convenio, de tal xeito que o departamento de Infraestruturas da Xunta asumirá o 100% da reforma da actual estación de autobuses, cunha achega de 2,6 millóns de euros. E destina tamén 2 millóns de euros a garantir a intermodalidade do conxunto das estacións de autobuses e de ferrocarril, a través dos fondos FEDER.

Deja un comentario