+034 986 09 02 04 Venres 15 de Novembro de 2019

A XUNTA INICIA ESTA SEMANA AS OBRAS DE MELLORA DE SEGURIDADE NA ESTRADA PO-190, NO CONCELLO DE VALGA, CUN INVESTIMENTO DE PRETO DE 287.000 EUROS


A intervención dispón dun prazo de execución de 5 meses e comprende un treito de 1,3 km, onde se executarán novas beirarrúas e se ampliarán as existentes
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade iniciará esta semana as obras de mellora da seguridade viaria na estrada PO-190, no Concello de Valga, cun investimento de preto de 287.000 euros.

As actuacións, que dispoñen dun prazo de execución de 5 meses desde o seu inicio, serán acometidas pola empresa construtora Marconsa S.L. Os traballos realizaranse ao longo de 1,3 km desta estrada autonómica, entre o punto quilométrico 0 ata o 1+270.

Trátase da execución de novas beirarrúas, a ampliación das xa existentes e a regularización con novo pavimento para mellorar a mobilidade e seguridade dos peóns. Tamén se realizarán a colocación de varandas nas zonas de desniveis e a redistribución e ampliación dos vaos peonís existentes e adaptación das pendentes accesibles.

O proxecto tamén prevé sobreelevar os pasos de peóns para reducir a velocidade do tráfico e mellorar a seguridade viaria, executando ademais muros de contención para a sustentación das beirarrúas existentes.

Ademais repararanse os colectores de pluviais que estean deteriorados e executaranse novos pozos de rexistro, substituíndose os anteriores.

A actuación no trazado completarase co repintado das marcas viarias e a sinalización horizontal e vertical.

Deja un comentario