+034 986 09 02 04 Martes 17 de Setembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA LEVA ATA O MUSEO DA PREHISTORIA DE VALENCIA A MOSTRA  “GALAICOS: UN POBO ENTRE DOUS MUNDOS”


 

O mércores 27 de marzo terá lugar a apertura da exposición, á que asistirá a presidenta provincial, e permanecerá no museo valenciano ata setembro

Trátase da segunda parada desta mostra tras pasar polo Museo Arqueolóxico Nacional de Madrid, onde foi visitada por 18.000 persoas

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, deu a coñecer esta mañá a chegada a Valencia da exposición “Galaicos: un pobo entre dous mundos” que poderá visitarse no Museo da Prehistoria entre o 27 de marzo e o 1 de setembro. A mostra da institución pontevedresa prosegue, deste xeito, o seu percorrido polo territorio estatal tras pasar polo Museo Arqueolóxico Nacional de Madrid, onde foi visitada por 18.000 persoas.

“Galaicos: un pobo entre dous mundos” pretende amosar o nexo de unión e de confluencia cultural entre dous mundos: o Atlantico e o Mediterráneo. Deste xeito, tal e como informou a presidenta provincial, “a mostra, de marcado carácter didáctico e explicativo, combina obxectos orixinais, réplicas, imaxes, ilustracións, textos e recursos audiovisuais que permitirán dar a coñecer o rico patrimonio arqueolóxico e cultural da nosa comunidade”.

Como principal novidade, con respecto ás pezas xa amosadas en Madrid, ata Valencia viaxarán catro pezas novas que dan boa mostra da “nosa cultura milenaria”, segundo detallou Silva. Así, exhibirase unha hacha de talón e punta de jabalina, de bronce e pertencente ao xacemento da Cabeciña de Oia para explicar a transición do Bronce Final á Idade de Ferro; a Arracada de Vilar de Santos, que pretende amosar as influencias do mundo mediterráneo en Galicia; a Tabula Lougeiorum, de comezos do século I, que introduce a chegada de Roma e simboliza os pactos de hospitalidade entre galaicos e romanos; e a ánfora de San Mariño de Bueu.

A presidenta da Deputación tamén informou doutra novidade da exposición “Galaicos: un pobo entre dous mundos”, que contará en Valencia con materiais de divulgación en italiano, debido ao numeroso público de Italia que visita a comunidade interesado pola civilización fenicia. “Interésanos que as italianas e italianos poidan coñecer esta exposición como unha vía para atraelas e atraelos ás Rías Baixas”, indicou a presidenta. Silva aproveitou a ocasión do anuncio da apertura da mostra “Galaicos: un pobo entre dous mundos” en Valencia, para agradecer a colaboración do Museo da Preshistoria e do presidente da Deputación valenciana “que se están implicando dun xeito moi especial con nós para a materialización da mostra”.

“Galaicos: un pobo entre dous mundos” xurdiu como resultado do programa integral que está a desenvolver a Deputación de Pontevedra para poñer en valor os xacementos galaico-romanos da provincia mediante unha estratexia de promoción turística. Así, a través deste proxecto preténdese comprender a dinámica socioeconómica da provincia de Pontevedra na antigüidade, ampliar a oferta turística cultural que tamén é un dos obxectivos do Plan Estratéxico de Turismo, e recuperar os espazos patrimoniais.

Deja un comentario