+034 986 09 02 04 Domingo 18 de Agosto de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN, Á ESPERA DE QUE FENOSA RETIRE DOUS TRANSFORMADORES PARA CONTINUAR AS OBRAS DA NOVA GLORIETA DA BREA EN MARÍN


O deputado de Mobilidade Uxío Benítez explica os traballos deben estar rematados antes do outono
O departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra ten xa en marcha as obras da nova glorieta de A Brea en Marín. Xa está realizada a ocupación de terreos e os primeiros movementos de terras e agora agárdase a que Fenosa retire os dous postes con transformador que quedan no medio da construción e a que o supervisor da compañía eléctrica dea o visto bo ás canalizacións previstas, o que se prevé teña lugar nos vindeiros días.

Segundo explica o deputado Uxío Benítez a obra en A Brea pretende mellorar a seguridade viaria e reordenar o tráfico e a mobilidade peonil na intersección entre a EP-1201 Marín-Penizas e a EP-1202 Seixo-Santo Tomé de Piñeiro (Marín). O cruce das dúas estradas provinciais realízase nunha zona de conexión coa variante de Marín na que se xunta tanto o tráfico que vai tanto ao núcleo de Marín e á zona de Seixo como ás praias do concello, e que se incrementa na temporada estival de xeito importante.

Esta actuación foi unha das primeiras que solicitou o Concello. A súa aprobación demorouse máis do inicialmente previsto debido a que nun primeiro momento a intención era construír unha rotonda de maior tamaño que precisaba dunha modificación do PXOM. Finalmente o concello de Marín desistiu dese cambio no planeamento pola súa dificultade e solicitou ao departamento de Mobilidade provincial unha modificación do proxecto para adaptalo ao ordenamento vixente. A nova glorieta é máis pequena e está desprazada con respecto á previsión.

O orzamento total, incluíndo a obra e mais os terreos, ascende a 122.833,49 euros e o prazo de execución é de seis meses, polo que a obra deberá estar rematada antes do outono se non se producen contratempos.

Deja un comentario