+034 986 09 02 04 Luns 09 de Decembro de 2019

TANXUGUEIRAS GAÑA O PREMIO ARI[T]MAR COMO MELLOR MÚSICA DE GALIZA


Tanxugueiras acada este premio outorgado pola Escola Oficial de Idiomas que premia o mellor tema galego e tamén o mellor tema portugués do pasado ano
Unha semana despois de recoller na gala organizada por UFI (Unión Fonográfica Independente) da música independente o premio á mellor álbum en galego, a banda galega Tanxugueiras acada este novo recoñecemento polo tema “Que non mo neguen”, unha canción na que Tanxugueiras quere facer ver o actual empoderamento da muller e camiñar en prol da igualdade.
ARi[t]mar Galiza e Portugal é unha iniciativa da Escola Oficial de Idiomas que ten por obxectivo dar a coñecer e difundir a poesía e a música editada en Galiza e Portugal, así como achegar a cultura e a lingua dos dous e a países, no marco das accións de desenvolvemento da Lei Valentín Paz-Andrade para o aproveitamento da lingua portuguesa e os vínculos coa lusofonía e está patrocinado polas secretarías xerais de cultura e de política lingüística da Xunta de Galicia, a Deputación Provincial da Coruña e polo Concello de Santiago de Compostela, ademais de polo Instituto Camões e o Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial Galiza-Norte de Portugal.
Tanxugueiras acada este premio sendo o grupo galego máis votado, seguidas de Guadi Galego e Nao, estes últimos cun tema no que colaboran tamén as Tanxugueiras.
O tema forma parte do primeiro disco das pandereteiras, cun título homónimo e que lles permitiu levar a súa música por todo o país cunha xira de máis de 50 concertos en 2018 e tamén internacionalmente con por Cuba, La India, Suíza e a terceira participación no Festival Celtic Connections de Glasgow, que as converteu na banda revelación da música tradicional. Crecendo da man de Shooglenifty, veñen de publicar conxuntamente o single “East West” (https://shooglenifty.lnk.to/eastwestWE), chegando a colaborar nunha experiencia única coa banda escocesa e Dayam & Katif (Dhun Dhora) da India e que se pode ver o resultado na canle de youtube de Galician Tunes https://youtu.be/VqmF2fX5j9g.
O vindeiro 29 de marzo no Salón Teatro de Lalín comezarán a xira de 2019 na que non deixan de sumarse datas e que servirá de despedida deste traballo co que tantos éxitos están colleitando. Neste concerto amosarán temas novos e tamén celebrarán co seu público estes dous premios acadados. As entradas para o concerto poden adquirirse na web de Enterticket (https://www.enterticket.es/eventos/tanxugueiras-salon-teatro-lalin-327327) ou na billeteira do teatro o propio día 29. O prezo é de 10€ + gx anticipada e 12€ na billeteira.

 

Sobre o grupo
A revolución das pandeiretas
Partindo dun coñecemento rigoroso da tradición e das músicas de transmisión oral, entre Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro dáse un encontro único onde a maxia, a naturalidade, a espontaneidade e a comuñón musical xorden desde o primeiro minuto e fan que revolucionen o panorama musical galego.
O mundo da pandeireta e o baile está a vivir en Galicia a un momento irrepetible, cada vez máis xente se está achegando a este tipo de sentir e facer. O que fan Tanxugueiras é achegalo dun xeito doado, natural, cun empaste nas voces pouco común, cuns arranxos elegantes e coidados, cun son grande e cristalino, cun agarimo inusual, cunha tímbrica instrumental que conecta oriente e occidente, con intelixencia e humor. E, sobor de todo, con moito amor.
Sobre o disco
Despois de percorrer desde o ano 2016 cun éxito clamoroso todos os palcos do país e algún internacional (Celtic Connections Glasgow), despois de poñer música a actos e encontros musicais diversos, aparecer en programas de TV como Luar, Alalá… deciden gravar a súa ópera prima apuntando moi alto. Rodeáronse para este fin de músicos moi notables dentro do panorama das musicas de raíz como Pablo Martín Jones (Coetus, Eliseo Parra, Drexler…) ou Jaime Muñoz (La Musgaña) e cunha dirección artística do productor musical Pedro Pascual (produtor en Laio, Marful, Najla Shami, Davide Salvado, Guadi Galego, Talabarte, Pesdelán, Descarga ao vivo, etc.) e baixo o selo de Seispés Producións Creativas.
Atopámonos ante un repertorio coidadosamente escollido e cun tratamento que conecta a tradición ibérica co maxín atlántico e os cheiros de ultramar. Cancións que parten da pura esencia que mana das fontes da profunda Galicia e que son dotados dun virtuosismo e contundencia sorprendentes.

Deja un comentario