+034 986 09 02 04 Xoves 18 de Xullo de 2019

A XUNTA ASINA COA FEDERACIÓN PROVINCIAL DE CONFRARÍAS DE PONTEVEDRA O CONVENIO DE COLABORACIÓN PARA O SEU FUNCIONAMENTO


A entidade disporá de 93.000 euros no marco deste acordo para gastos derivados da súa actividade

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, asinou esta semana un convenio de colaboración co presidente da Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Pontevedra, José Manuel Rosas, que ten como obxectivo financiar os gastos correntes que se produzan como consecuencia das actividades que desenvolva a federación ao longo do 2019. O acordo, que se asina cada ano, dá continuidade aos xa firmados nas últimas semanas coas federacións galega, coruñesa e lucense de confrarías de pescadores.

Con esta colaboración a entidade pontevedresa disporá de 93.000 euros para os gastos que se consideran subvencionables a través destes convenios, entre os que se atopan os de contratación de persoal, amortizacións, financiamento de gastos correntes como arrendamentos, reparacións e material de oficina ou indemnizacións por razón de servizo, entre outros.

Para o control deste convenio crearase unha comisión de seguimento composta por dous membros a designar por cada unha das partes asinantes. Por parte da federación serán o presidente e o secretario e os outros dous membros dependerán da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería do Mar. A vixencia desta colaboración é ata o 31 de decembro de 2019.

Deja un comentario