+034 986 09 02 04 Xoves 18 de Xullo de 2019

O XIX FESTIVAL DA CAMELIA REUNE A MÁIS DE 4000 PERSOAS NUN REGRESO AO CASTELO DE SOUTOMAIOR


O certame contou coa participación de máis de 40 expositores chegados de toda Galicia e 16 negocios locais que participaron engalanando os seus escaparates

O XIX Certame e Exposición da Camelia reuniu esta fin de semana a máis de 4.000 admiradores desta fermosa flor no regreso do festival ao Castelo de Soutomaior tras as obras de musealización do pasado ano. Esta edición contaba coa participación de máis de 40 expositores instalados por cultivadores de toda Galicia, ademais dos traballos dos escolares do municipio e as composicións instaladas polos comerciantes de Arcade e Soutomaior nos seus establecementos.
A entrega de premios celebrouse esta tarde e contou coa participación do alcalde, Agustín Reguera, a edil de Cultura, Dores Cernadas, ademais de diversos membros do goberno local, da Sociedade Española da Camelia e a fundadora do Certame, Manuela Gradín.
O alcalde aproveitou a ocasión para resaltar a implicación dos veciños e a calidade das composicións deste ano, “con auténticas obras de arte floral, tanto pola calidade das obras como a espectacularidade das flores”, indicou Reguera. Do mesmo xeito, o edil agradeceu a súa presenza aos numerosos visitantes desta edición “e contribuír que o festival siga crecendo cada ano”.
O xurado estivo composto por membros da Sociedade Española da Camelia e estableceu como premiados pola Mellor Flor a Deolinda Barbosa, como vencedora, Eva Martínez Seoane como segunda clasificada e Mª del Carmen Vidal Franco en terceiro lugar. Como Mellor Composición Artística o primeiro premio foi para a Asociación de Veciños de Romariz, o segundo a Sabela Lorenzo Galiñares e María Teresa Mos Barros como terceira clasificada.
O primeiro premio ao Mellor Traballo Escolar foi para os alumnos do CPI Padin Truiteiro, o 2º Premio para o Santiago Apóstolo e o terceiro premio para os alumnos da Escola Infantil de Romariz.
Do mesmo xeito, a camelia tamén foi a protagonista nas rúas de todo o municipio, onde diversos comerciantes sumáronse á exposición adornando os seus escaparates con imaxinativas composicións florais. A gañadora na categoría de Mellor Flor en Escaparate foi a Boutique infantil Rapaces e o segundo Premio para o Estanco nº1. O premio á Mellor Composición Artística en Escaparate repartiuse entre as dúas parroquias do municipio. A vencedora foi a composición de Costureiras de Arcade e a segunda clasificada a de Alimentación Pancho, de Soutomaior.
Ademais, fíxose entrega do premio especial en honra á fundadora e principal organizadora do concurso, Manuela Gradín, coñecida como ” Lelita Gradín”, que foi para Fermina Martínez Collazo. Ao terminar a entrega de premios todos os participantes recibiron un obsequio conmemorativo do festival.

Deja un comentario